César Troncoso González (1859-1937)
Foi vocal da Pro Monte entre 1912 e 1919, mostrando unha grande fidelidade
na súa asistencia ás reunións da Xunta Directiva. Anos máis tarde volverá á directiva,
sendo vogal en 1930 e vicepresidente entre 1931 e 1936. Este licenciado en
dereito pertencía a unha das familias máis poderosas de A Guarda no que se
refire a bens raíces. Cando se creou a Pro-Monte, César Troncoso e o seu irmán
Vicente eran os principais terratenentes da localidade. Pódese dicir que as
principais propiedades existentes entre a súa casa na entrada á vila e o seu
terreo «As Delicias» en Salcidos, eran súas. Entre elas atopaban, por exemplo,
o terreo «Los Castaños» e a que despois sería o campo de fútbol de A Guarda, o
«Estadio Troncoso», máis tarde «Estadio do Tecla». Aínda hoxe pódense
contemplar, como mostras daquel poderío, os restos dos inmensos muros que
pechaban esas propiedades. E por suposto a casa familiar, sobria e elegante,
situada hoxe no centro da vila, sen dúbida un dos iconos esenciais do urbanismo
guardés. Tamén era dende o século XIX comerciante de viños e lagostas en
compañía dos seus pais e irmáns.
A esquerda a vivienda de Cesar Troncoso na calle Ezequiel Ordóñez, hoxe rua Galicia.
César Troncoso dedicou
grande parte da súa vida aos asuntos colectivos da sociedade guardesa,
figurando en case todos os acontecementos e iniciativas que tiveron lugar nesta
vila no primeiro terzo do século XX. De feito foi terceiro tenente de alcalde
entre 1909 e 1923, onde se mostrou como un infatigable xestor dos asuntos
municipais. Sobre a súa participación no asociacionismo guardés coñecemos tan
só o seu paso polo Recreo Artístico Guardés, sociedade da que foi a súa
presidenta entre 1901 e 1905. Pero sen dúbida a súa faceta máis importante foi
a de benfeitor, realizando numerosas doazóns, tanto públicas como privadas, en
beneficio do seu pobo natal. Home de gran relixiosidade, o seu nome figuraba
sempre á cabeza de todas as subscricións realizadas para socorro e axuda dos
máis necesitados. Moitas desas iniciativas puideron sosterse grazas á súa
axuda, como a Sociedade de San Vicente de Paúl, a Cociña Económica ou o
Roperillo dos Pobres. Como nunca casou, e polo tanto non tivo descendencia, en
1933 deixou grande parte dos seus bens para unha fundación benéfica e
filantrópica destinada aos máis necesitados do municipio.
A futura Fundación Troncoso González
creouna en memoria dos seus pais Juan Troncoso e Antonia González Baz, e dos
seus irmáns Vicente e Juan Antonio Troncoso González. Aínda que César Troncoco
faleceu o 12 de febreiro de 1937 non foi ata o 27 de xaneiro de 1940 cando se
formou o Padroado da Fundación Troncoso González (1940-1966), constituído polo
alcalde, o xuíz municipal e os párrocos das tres freguesías do termo municipal
de A Guarda. Os fins da Fundación eran: a distribución periódica entre os
pobres e necesitados das parroquias de A Guarda, Salcidos e Camposancos, na
proporción dun 50, 30 e 20 por 100 respectivamente, do importe das rendas e
intereses dos seus bens, unha vez realizados e convertidos en valores ou
efectos públicos. (Tiñan preferencia os parentes do fundador así como os que
foran xornaleiros da súa casa e se achaban sen traballo).
Selo da fundación.
Constitución da Fundación Cesar Troncoso.
Inventario y Liquidación de Bienes de D. Cesar Troncoso
No hay comentarios:
Publicar un comentario