martes, 9 de abril de 2013

(A GUARDA) "D. Antolín Silva Vicente", por Joaquín Miguel Villa Álvarez, Boletín Exfimiño 2011

Antolín Silva Vicente (1872-1943)

Foi elexido como vogal da Sociedade Pro Monte Santa Tecla entre 1912 e 1919. Ademais do seu paso por esta asociación, a súa principal participación na vida pública guardesa produciuse durante os anos da Segunda República ao ocupar a alcaldía entre maio de 1933 e marzo de 1936, sendo xa síndico en 1931 e rexedor en 1932.
Antolín Silva Vicente casara en 1898 con Antonia Raimunda Giestal González, de cuxa unión naceron: Antonio, Antolín, Tulio, Amparo, Teresa, Leonor, Maruja, Ceo, José, Oscar, Guillermo, Jaime e Germán Silva Giestal. Ao principio o matrimonio fixou o seu domicilio na rúa Joaquín Alonso, ata que anos máis tarde a xa avultada familia pasou a residir a unha preciosa e enorme casa indiana –hoxe xa inexistente– que Antolín Silva edificou ao inicio da rúa Pacífico Rodríguez.
            Ao igual que a maioría dos fundadores de Pro Monte, Antolín Silva tamén foi emigrante a Puerto Rico, sen dúbida seguindo os pasos do seu irmán maior Primitivo Silva Vicente. En Puerto Rico Antolín traballou nos negocios de tabaco do tamén guardés Luciano Lomba Vicente quen, ao retirarse en 1895 fundou a sociedade Sucesores de Luciano Lomba (1895-1900?), unha empresa tabaqueira na que Antolín Silva aparecía xa como un dos seus socios xestores, con tan só 23 anos.
            Non obstante ao ano seguinte enfermou e viuse na necesidade de separarse da compañía e retirarse a España. Este feito permitiu que todo o seu enorme talento empresarial se desenvolvese xa na súa vila natal onde en pouco tempo se converteu nun destacado armador de barcos e industrial da lagosta.
            A vinculación de Antolín Silva Vicente co mundo das lagostas e das embarcacións débese, sen dúbida, ao seu parentesco co mariño mercante Francisco Zaragoza Segarra, natural de Villajoyosa (Alicante), o primeiro en instalar unha cetaria en A Guarda, segundo sinala o estudoso do tema José Antonio Uris Guisantes.
 E é que o seu fillo José Zaragoza Zaragoza casara en 1895 con Eufrosina Silva Vicente, irmá do Antolín Silva Vicente. Así é como moi pronto, en 1897, atopámonos a Antolín solicitando permiso para construír unha cetaria entre a praia da Area Grande e o porto.        Pouco despois, en 1903, facíao para a construción dun depósito de salazón de peixes en Mazaracos, na entrada do porto. Probablemente xa por entón formaríase a sociedade Antolín Silva e Cía. Exportadores de Lagostas co seu socio e cuñado José Zaragoza. E ante a necesidade de ter embarcacións «langosteiras», Antolín Silva tamén se converteu en armador de barcos. Así, sinala Uris Guisantes, no ano 1918 participou nun 75% na construción do veleiro paquebote Río Miño nos estaleiros Candeira. Pero como armador Antolín Silva foi máis alá chegando a dispoñer dun estaleiro propio no mesmo lugar de O Pasaxe, ao aire libre, con bancada e taller, no que se construíron buques de madeira de 200 toneladas.
            Segundo parece o éxito nos negocios acompañouno o resto da súa vida. Así, no ano 1935, con 63 anos e sendo alcalde do seu pobo, Antolín Silva declaraba nun artigo de prensa que a súa cetaria A Morea debía ter ao redor de 4.000 lagostas, as maiorías das cales se vendían en Madrid, Barcelona e Zaragoza.
            Por aquel entón a sociedade chamábase Serafín Flores e Cía., S. L., na que Antolín era socio maioritario, en unión do tamén guardés retornado de Puerto Rico Serafín Flores Sobrino, casado coa súa sobriña Sara Zaragoza Silva. Pouco despois a empresa pasou a chamarse Antolín Silva, Flores e Cía., e tras o falecemento de Antolín no ano 1943, denominouse Antonia Giestal Vda. De Silva.
            Antolín Silva Vicente casara en 1898 con Antonia Raimunda Giestal González, de cuxa unión naceron: Antonio, Antolín, Tulio, Amparo, Teresa, Leonor, Maruja, Ceo, José, Oscar, Guillermo, Jaime e Germán Silva Giestal. Ao principio o matrimonio fixou o seu domicilio na rúa Joaquín Alonso, ata que anos máis tarde a xa avultada familia pasou a residir a unha preciosa e enorme casa indiana –hoxe xa inexistente– que Antolín Silva edificou ao inicio da rúa Pacífico Rodríguez.



Joaquín Miguel Villa Álvarez para o Boletín Exfimiño 2011 da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa


No hay comentarios:

Publicar un comentario