jueves, 25 de abril de 2013

(A GUARDA) José María González Cividanes


D. José María González Cividanes

José María González Cividanes (1855-1921) foi un dos fundadores da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla e o seu primeiro tesoureiro, cargo que desempeñou fielmente durante oito anos, dende 1912 ata 1920, sen faltar a unha soa das reunións da Xunta Directiva. O seu papel foi especialmente importante no difícil ano social de 1916-1917, cando tivo que actuar nalgunha ocasión como presidente accidental por ausencia de titular Manuel Lomba. Unicamente a enfermidade que lle sobreveu en xuño de 1920, e que finalmente rematou coa súa vida, logrou apartalo do desempeño do seu cargo.

Faleceu medio ano máis tarde, o primeiro de xaneiro de 1921, pasando a ocupar o seu posto o socio José Benito Sobrino Rodríguez.


En xuño de 1921 os seus compañeiros de directiva acordaron propoñer que se colocase un retrato seu no museo, proposta que foi aceptada pola Xunta Xeral no mes de agosto. Na memoria dese ano 1921, os seus compañeiros dicían del o seguinte: «Declaramos que cumpriu sempre como bo e, ao render a súa vida, deixa entre nós un baleiro moi difícil de encher».
Como curiosidade pódese dicir que José María González Cividanes foi o primeiro condutor en estrear a nova estrada de suba ao monte, concluída no verán de 1914, ao percorrela co seu automóbil o día 14 de agosto. Por este motivo, quince días máis tarde autorizouse a suba de automóbiles á festa do monte do 30 de agosto, aínda que a directiva «non se facía responsable de ningún accidente, pois a estrada non está aínda en condicións de completa consolidación».

Tamén é importante sinalar que o primeiro museo de Pro-Monte foi creado en 1917 nun local propiedade do mesmo tesoureiro, José María González Cividanes, situado na esquina entre a rúa Ezequiel Ordóñez (hoxe rúa Galicia) e o arranque da estrada a Fornelos (hoxe rúa República Dominicana), un baixo polo que Sociedad Pro-Monte pagaba un aluguer mensual de oito pesetas.
           Como tantos outros guardeses da súa época, a historia persoal de José María González está intimamente ligada a Puerto Rico, a onde emigrou moi novo para dedicarse, con grande éxito, ao comercio. Alí atopámolo xa no ano 1877, con tan só 22 anos, establecido co seu irmán Ricardo á fronte da sociedade mercantil González Hermanos (1877-1879). Dous anos máis tarde  independízase cun negocio propio.
Así estivo seis anos ata que en 1885 converte o seu establecemento comercial nunha compañía chamado Trigo, Cividanes y Co. (1885-1892), dando entrada nela, como socios xestores, a varios parentes, pasando el a categoría de socio capitalista. Foi entón cando regresou a España, residindo inicialmente na cidade de Vigo e despois xa en A Guarda, onde edificou unha preciosa casa indiana na rúa Puerto Rico.
A pesar de estar retirado, continuou realizando numerosos investimentos en casas comerciais de Puerto Rico. Na Guarda protagonizou tamén algúns proxectos industriais, como a fábrica de gasosas «Santa Tecla», creada por el entre 1907 e 1908, a cal vendeu dez anos máis tarde, en 1918, ao seu entón compañeiro de directiva Laureano Alonso Portela.

Casa indiana de J. Mª González Cividanes,  no ano 2000

No hay comentarios:

Publicar un comentario