Dr. Suso Vila, proxecto de investigación USC: “Memoria, textos e imágenes. La recuperación del patrimonio perdido para la
sociedad de Galicia” (HAR2014-53893-R). Investigadores principales: Jesús Ángel
Sánchez García y Alfredo Vigo Trasancos.
A Foz do Miño forma un espazo natural extraordinario pero
tamén un espazo cultural único en Europa. A Guarda-Caminha forman parte dunha
fronteira histórica peculiar a nivel europeo, non só pola súa antigüidade,
senón tamén polo seu patrimonio.
Este territorio se converteu nun espazo urbano dinámico,
non só adaptado ás guerras e conflictos de fronteira, tamén permeable a unhas
profundas relacións económicas, sociais e culturais que foron moldeando á
paisaxe que hoxe contemplamos.
Tanto A Guarda como Caminha son froito, nos seus actuais emprazamentos,
dun novo urbanismo baixo medieval. A Guarda fundarase probablemente vencellada
á protección e vixianza da foz do Miño (de aí o seu topónimo) desde o século
XII, mentres Caminha é o resultado das políticas de urbanización da fronteira
polo rei Afonso III (o modelo de bastida), con trazados regulares e artellados
arredor de rúas principais como a rúa Direita.
As vilas medievais se desenvolven dentro de perímetros amurallados e con
trazados urbanos regulares para Caminha (planificación e parcelario), e máis
concéntrico e desordeado no caso da Guarda, caracterizada por un terreo
encostado.
Un dos principais acontecementos que modificarán o urbanismo de ambas
vilas será a guerra de Restauração da monarquía portuguesa (1640-1668). Ademais
das destruccións que sufrirán as dúas poboacións á resposta á guerra será a
construcción de sistemas abulartados que alterarán a relación urbana das vilas
coa súa contorna.
O caso de Caminha é significativo, envolvida en novos recintos
fortificados que apertarán sobre a vella estructura medieval e ampliando cara
os barrios exteriores novos amurallamentos cara o sur da vila, protexendo así o
porto e o sistema viario. Para a Guarda supuxo a construcción da fortaleza de
Santa Cruz no planalto da vila, dominando a costa.
O século XIX vai mudar o urbanismo destas vilas ao abeiro dos cambios
sociais que se sucederán na península ibérica.
A abolición dos antigos señoríos e promulgación das constitucións e
cartas reais proporcionan un marco legal diferente que se desenvolverá cunha
abondosa lexislación ao longo da centuria.
A “burguesía” accede aos concellos desde o poder económico e político de
aí que o urbanismo se entenda de outro xeito, xa como unha responsabilidade
pública de hixiene, ornato e progreso.
Non debemos esquecer que a nova lexislación que se promove ao longo do
século que abrangue aspectos como a hixiene e salubridade (limpeza, enlousado,
cemeterios), as vías de comunicación (estradas e ferrocarril), ou os mesmos
espazos de lecer (xardíns, teatros, paseos).
"Plano da vila e porto da
Guarda en 1779".
Deste xeito debemos comprender as accións que se emprenden desde os
Concellos. Unha das primeiras víctimas serán as mesmas murallas, obsoletas, non
só para a defensa, tamén para determinar a vecindade ou o control fiscal ao
mercado. A imaxe das murallas era a de control sobre a poboación non como
defensa da mesma, de aí que a burguesía non repare en romanticismos e abra e
derrube os tramos de interese tanto para abrir comercialmente a vila como de
creación de novas parcelas edificables. Se favorecía así a relación da vila coa
súa contorna mellorando as comunicacións e xenerando novos espazos urbanos.
En Caminha o proceso é moi claro. O poder que acadan as novas familias
permitirá esta acción de derrubo e desaparición da pegada das murallas, só
conservada en poucos espazos ou ficando símbolos como a Torre do Relogio da súa
muralla medieval, exemplo que tamén se manterá en A Guarda coa súa
correspondente Torre do Reló, ambas testemuñas do antigo perímetro medieval,
reconvertidas nunha utilidade pública diferente: a xornada laboral xa non se
rixe polas campás das igrexas, agora é o poder civil quen determina as horas da
vila.
Os cambios na tipoloxía residencial chegarán ao longo da centuria, sobre
todo da man do crecemento económico. Por iso na segunda metade do século XIX
notamos como as residencias burguesas crecen e van definindo características
propias, afastándose dos vellos modelos barrocos locais aínda que nunha
transformación más económica que artística. As formas do barroco estarán
presente doutro xeito pero será a súa xeneralización na poboación o máis
destacado cando antes era case monopolio do clero ou da fidalguía.
O academicismo introduce formas definidas polo neoclásico pero estas
formas virarán con detalles propios do clasicismo francés: a influencia do Segundo
Imperio e do París do barón Haussman serán fundamentais para entender as
influencias que chegan aos edificios de Caminha e A Guarda.
En Caminha xurden algunhas variantes, propias do país veciño. O
neogótico se extende desde mediados do século XIX como resultado da proxección
do prestixio da época dos descubrimentos. O “Manuelino” se reafirma como un
“estilo Nacional”, con Viana do Castelo como o gran exemplo cercano, de ahí que
podamos observar en Caminha arcos apuntados e conopiais como recreación dese
pasado brillante imitando así as casas mediavais e tardomedievais que a vila
miñota aínda conserva na rúa Direita. Na rúa S. João veremos estos estilos
reforzados coa aplicación dos azulejos nas fachadas.
Na Guarda o urbanismo se sustenta sobre un numeroso grupo de
propietarios cuxas fortunas se estableceron na emigración. Deste xeito temos a
peculiaridade de que a vila tivese un desenvolvemento económico limitado pero
unha boa parte da súa poboación revertise estes limites coa inversión na vila
dos capitais obtivos no continente americano. O lugar preferente desta
emigración guardesa sería a illa de Puerto Rico nun claro exemplo das relacións
familiares e o efecto chamada. A implicación desta riqueza tamén repercutía la
posición social e política toda vez que os “indianos”, retornados a súa vila
natal, chegarán a ocupar a alcaldía desde mediados do século XIX ata o primeiro
tercio do século XX.
O traballo sobre estas familias, realizado por J. M. Villa Álvarez,
revela o peso que terán na A Guarda e a súa repercusión no urbanismo da vila.
Juan Rodríguez Cachada será o primeiro guardés que acade o éxito social e
económico en Puerto Rico, convidando a otros moitos veciños a emprender a
viaxe. Os “Alonso” serán unha das familias máis influintes na Guarda durante
moitas décadas: Joaquín, Antonio e Bernardo serán alcaldes unha vez retornados
entre 1869 e 1882. A casa familiar será un dos epicentros da actividade
política e social da Guarda.
A casa dos “Alonso”, na Praza do Reló, é imaxe do poder que procura a
burguesía da época: transmitir a través da vivenda o prestixio de clase. Neste
caso será importante a ubicación, xunto do edificio Consistorial e polo tanto
aínda vencellado aos espazos de poder do antigo réxime (Igrexa-Concello). A
Casa sería construida en 1888, segundo o proxecto presentado por Bernardo
Alonso para demoler as casas precedentes [J. A. Uris Guisantes-La casa de los
Alonso]. O modelo de edificio segue as pautas da arquitectura academicista da
primeira metade do século, potenciando a simetría e xogando co ritmo de arcos e
dinteis que proporcionan plena coherencia aos dous edificios que forman o
inmoble.
A casa dos Alonso non será un referente artístico na vila toda vez que
era un modelo que se abandona rapidamente a favor da tendencia ecléctica,
fusionando elementos decorativos do barroco e do Segundo Imperio francés.
A casa de Bernardo Alonso Martínez na rúa Vicente Sobrino en 1893
responde a este eclecticismo arquitectónico, do mesmo xeito que outras
magníficas construccións guardesas como a casa de Manuel Álvarez Vicente, ca.
1890, na rúa Puerto Rico; a de J. M. González Español na rúa Joaquín Alonso nº
3; na mesma rúa, no nº 6, a de J. Martínez Salcidos; ou a de Manuel Otero
Lomba, ca. 1910, na rúa José Antonio, entre outras. Todas elas promovidas por
indianos retornados que mostran vínculos estilísticos co eclecticismo vigués de
Jenaro de la Fuente e Michel Pacewizc e que xa manifestamos na nosa tese nos
edificios da Corredoira de Tui (Areses e Casino Vello).
As novas edificacións van procurando outros espazos urbanos, as rúas
Galicia e Puerto Rico, que representan o urbanismo vencellado á modernización
do sistema viario. Neste senso para A Guarda a actual estrada PO-552
representaba a mellora das comunicacións coa comarca a finais do século XIX e
novos solares para expresar o prestixio das fortunas e posición social dos
guardeses, de aí a construcción das grandes vivendas ligadas aos indianos.
Non só a antiga “estrada nacional” Redondela-A Guarda, representaba a
modernización na arquitectura residencial, tamén se dará o caso da función
educativa que tamén virá relacionada coas fortunas indianas, neste caso a de
Vicenta R. Cachada e a fundación do Colexio San José en 1894. O edificio en
construcción en 1897 entre as rúas Puerto Rico e República Dominicana, é unha
xoia da arquitectura escolar galega adoptando na súa fachada modelos eclécticos
moi orixinais que viran anticipadamente cara as bases do modernismo.
No borde da estrada, na actual rúa Galicia, aparecería a Alameda, un dos
elementos do pensamento burgués do século XIX, a natureza como parte da saúde,
o lecer como parte da vida cotiá na vila.
A Alameda construirase en 1852 [J. Uris Guisantes - A Alameda da Guarda]
sufrindo diferentes remodelacións ao longo dos anos desde a primitiva Alameda
de San Pedro. O xardín e paseo representa un espazo de sociabilidade típico; o
salón, a recreación na harmonía da natureza e a conversa.
A Alameda conecta co novo urbanismo que se vai desenvolvendo desde o
século XIX e que resulta aínda visible nas construccións residenciais da Guarda
e de Caminha, nun momento nos que os cambios sociais e culturais son profundos
e van deixar a súa pegada na vila actual.
En recordo de dous
guardeses: o meu avó Manuel e o meu tío Pepe
Publicado no libro das Festas do Monte de 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario