Mostrando entradas con la etiqueta Sociedades. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Sociedades. Mostrar todas las entradas

jueves, 11 de diciembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( XII )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

Como novidade, na Semana Santa realizouse no Recreo Artístico Guardés unha primeira Feira de Coleccionismo na que ademais de obxectos filatélicos, expuxéronse pinturas, maquetas de barcos, esculturas, calendarios de peto, botellas de gasosa, etc. Confirmábase así a nova faceta da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa de atender a todo tipo de coleccionismo, máis alá dos selos.

Finalmente, do 1 ao 4 de novembro celebrouse no Recreo Artístico Guardés a 29ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2012, que era ademais a sétima das homenaxes á Sociedade Pro-Monte. Nesta ocasión púxose en circulación un selo personalizado e un mataselos especial de correos dedicado ao vogal fundador César Troncoso González. No transcurso da exposición celebrouse tamén o IVº seminario filatélico de FEGASOFI e UFINOR, que rematou o último día cunha mesa redonda de todos os asistentes.[89]

O ano 2013 tamén foi moi prolífico, a tenor do reflectido na acta da Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o 28 de marzo de 2014.[90] No que se refire á orde interna, a administradora deu lectura das contas que daban un saldo de 6.362,81 euros. Este ano tocaba tamén elección de nova Xunta Directiva, e ao non se presentar ningún voluntario, acordouse por unanimidade que continuase a mesma, cun único cambio, a saída de Cristina Domínguez Rotea e a entrada no seu lugar de Teodosio González Ferreira. Rematada a Asemblea Xeral Ordinaria celebrouse unha Extraordinaria ao obxecto de nomear a Juan Álvarez Sobrino Presidente de Honor de la Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa. O propio presidente Luciano Lomba informou os presentes que, tras recibir en vida todos os recoñecementos desta Sociedade, a actual directiva propuxo a Juan Álvarez Sobrino o actual nomeamento, pero non o quixo aceptar propondo que se deixase para o futuro. E tendo en conta o seu falecemento e a celebración este ano 2014 do 50º aniversario da Sociedade, crían que era o momento idóneo. Así pois, o nomeamento de Juan Álvarez Sobrino como Presidente de Honra foi aprobado por unanimidade.[91]

No que se refire ás actividades máis relevantes realizadas pola Sociedade, a primeira foi a I ª Exposición Filatélica e Feira de Coleccionismo, celebrada no Recreo Artístico Guardes en Semana Santa, do 28 ao 31 de marzo de 2013. Ademais de coleccións filatélicas, exhibíronse mostra de calendarios de peto, fotos antigas, postais antigas, chisqueiros, lotaría, dedais, barallas de cartas, etc. A participación foi aberta a todo aquel que quixese participar, socios e non socios, expoñéndose un total de 24 coleccións.[92]

A segunda actividade destacada foi a 30ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2013, celebrada no Recreo Artístico Guardés do 11 ao 13 de outubro de 2013. Era a oitavo e última das homenaxes que a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa víñalle dedicando dende 2005 á Sociedade Pro-Monte Santa Tecla. Emitiuse un selo personalizado para a ocasión, coa imaxe do Pico de San Francisco, así como un mataselos especial dedicado ao último dos fundadores de Pro-Monte: Constantino Candeira González. A mostra contou con 27 coleccións de toda Galicia, incluídas catro xuvenís da Sociedade «Miño» de Ourense; e un ano máis presentouse un novo boletín anual Exfimiño.[93]

Sobre con mataselos dedicado a Constantino Candeira González en 2013

Entre as noticias máis destacables deste ano destaca que na súa última Asemblea Xeral celebrada en Madrid o día 3 de marzo de 2013, a Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) acordou conceder a medalla ao recoñecemento polo extenso labor realizado en pro da filatelia asociativa española e da filatelia en xeral, entre outros, ao guardés José Ángel Gándara Rodríguez. Con relación ao palmarés dese ano, nos últimos días da Exfilna 2013, celebrada en León, desprazáronse ata alí o presidente, o secretario e a administradora da Sociedade, Luciano Lomba, José Ángel Gándara e Marta Verde, respectivamente, para recibir as seguintes medallas: «Colón, Rumbo ás Indias» de José Ángel Gándara Rodríguez, 88 puntos, medalla de Ouro; «Do mosteiro rural á catedral urbana» de Luciano Lomba Vicente, 80 puntos, medalla de Vermeil Grande; e «Beleza e cosmética natural» de Marta Verde Rodríguez, 77 puntos, medalla de Vermeil. Ademais, o Boletín Exfimiño, con 68 puntos, recibiu unha medalla de Prata.[94]

E finalmente chegamos a 2014, o ano do 50º aniversario da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, do cal tan só podemos salientar que na Semana Santa, do 17 ao 20 de abril, celebrouse no Recreo Artístico Guardés, con grande éxito de asistencia, a IIª Feira do Coleccionismo e Exposición Filatélica, confirmándose así o arraigamento deste novo modelo feiral, con opcións de intercambio e compravenda. Pero neste ano as principais actividades da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa xirarán en torno á celebración do 50º aniversario da súa fundación. O acto central terá lugar do 4 ao 12 de outubro de 2014, nos salóns da Casa dos Alonsos, coa exposición EXFIGALIA 2014. Está prevista a emisión dun selo personalizado así como homenaxear a todos os socios fundadores da Sociedade Filatélica. Un xesto que honra aos actuais directivos pois, aínda que están a vivir e protagonizar a época de maior esplendor da Sociedade en toda a súa historia, son conscientes da importancia crucial que tiveron aqueles pioneiros a sentar as bases e poñer os alicerces do prestixio rexional, nacional e internacional que hoxe posúe a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa.
Logo do 50º aniversario da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa


FIN


[89] Exfimiño, nº 34, novembro 2012, pp. 8-12.
[90] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 82-85.
[91] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 86.
[92] Exfimiño, nº 35, outubro 2013, p. 3.
[93] Exfimiño, nº 35, outubro 2013, pp. 1 e 4-9.
[94] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 82-85.

martes, 9 de diciembre de 2014

FARO DE VIGO, 27.11.2010 50 anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( XI )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

Éxitos internacionais da Sociedade Filatélica Guardesa en 2010. (Faro de Vigo, 27 de novembro de 2010)
Un mes antes, o 9 de setembro de 2010, inaugurouse o blog da Sociedade en Internet: filateliaguardesa.blogspot.com, «co obxecto de ter máis informado aos socios, ademais de publicar artigos, noticias, mataselos de Galicia, e sobre todo o apoio á filatelia temática». A aparición do blog, deseñado por Luciano Lomba Castro, o fillo do presidente, ocasionou un problema de duplicidade xa que agora a Sociedade tiña dúas canles de información paralelas. Por iso a directiva propuxo que o boletín Exfimiño pasase a ser anual, e que a súa edición coincidise coa exposición a celebrar, servindo tamén como catálogo desta. Unha proposta que foi aprobada por unanimidade na primeira Asemblea Xeral Ordinaria presidida por Luciano Lomba Vicente, que tivo lugar no local social o 6 de febreiro de 2011.[82] Así pois, o ano 2010 foi o último en que se editaron tres números do boletín Exfimiño.

Segundo logo da Sociedade

O ano 2011 foi moi prolífico, a tenor do reflectido na acta da Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o 14 de xaneiro de 2012.[83] Para empezar expúxose unha situación económica saneada, cun saldo de 4.820,50 euros, e unha importante masa social formada por 63 socios (era o primeira vez que se informaba sobre o número de asociados). Ese ano produciuse ademais unha baixa por falecemento moi sinalada, a do ex presidente Juan Álvarez Sobrino. Con relación á propia asociación, levouse a cabo a renovación do local social o cal estivo xa plenamente operativo a principios do verán. O mesmo sucedeu coa biblioteca, que foi mellorada e ampliada coa adquisición de novos catálogos. En canto ao blog de Internet, no seu primeiro ano de existencia tivo 300 entradas (para pedir consello, solicitar selos e mataselos, etc.) e nada menos que un total de 69.000 visitas. No apartado de rogos e preguntas a directiva Marta Verde propuxo pasar a papel e encadernar os artigos publicados no blog, o que foi aprobado por unanimidade. Nesa mesma Asemblea Xeral a directiva propuxo o cambio de logotipo da Sociedade, presentando o secretario un amplo informe co novo deseño elaborado polo socio de honra Ángel Pérez Álvarez, unha vez máis de xeito desinteresado, que impresionou a todos os presentes e foi aprobado por unanimidade.[84]

En canto á actividade externa da Sociedade, en 2011 levouse a cabo unha proposta do secretario José Ángel Gándara realizada o ano anterior consistente nun concurso de debuxo titulado: «Un selo para A Guarda», aberto para os nenos e nenas dos colexios da localidade de entre 6 e 13 anos. O premio final era converter o debuxo gañador nun selo de correos. Participaron máis de 200 nenos pertencentes aos centros da Sangriña, Solanas, Carmelitas e PP. Somascos. O gañador foi Miguel González Flores, de Carmelitas. O selo personalizado do seu debuxo foi presentado e posto en circulación o día da inauguración da 28ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2011, celebrada nos salóns do Recreo Artístico Guardés do 12 ao 16 de outubro, coa participación de 13 coleccións. Era ademais a sexta das homenaxes á Sociedade Pro-Monte, nesta ocasión en honra do vogal Antolín Silva Vicente, a quen se dedicou un mataselos especial concedido por Correos. Ese mesmo día se puxo en circulación outro selo dedicado ao semanario guardés La Voz del Tecla (1911-1920) do que ese ano se cumpría o centenario da súa fundación. Por este motivo a asociación Infomaxe realizou unha exposición das portadas deste xornal, e editou un libro da autoría de Xoán Martínez Tamuxe. A novidade desta nova exposición da Sociedade foi que, ademais dunha mostra filatélica, o foi tamén de coleccionismo en xeral e manualidades, destacando a exhibición de maquetas de barcos.[85]

No que se refire ás participacións no exterior, o 8 de outubro de 2011 catro directivos da Sociedade desprazáronse a Valladolid con motivo da Exposición Filatélica Nacional, EXFILNA, presentando cada un unha colección, e ademais a sociedade participando co seu blog. O palmarés obtido foi o seguinte: Medalla de Ouro, 88 puntos e premio «Antonio Castellanos á mellor colección temática: «Colón, rumbo ás Indias» de José Ángel Gándara Rodríguez; Medalla de Vermeil Grande, con 80 puntos, para Luciano Lomba Vicente pola súa colección: «Do mosteiro rural á catedral urbana»; Medalla de Vermeil, con 77 puntos, para Marta Verde Rodríguez pola súa colección: «Beleza e cosmética natural»; Medalla de Prata Grande, con 73 puntos, para Jorge Martínez Baz pola súa colección: «Ese descoñecido principio»; e Medalla de Prata grande, tamén con 73 puntos, para o blog da Sociedade.[86]

Número 17 do Boletín Exfimiño de ano 2011.

O ano 2012 foi de novo moi prolífico, tal e como reflicte a acta da Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o 9 de marzo de 2013.[87] O estado económico seguía sendo boiante, rematando o ano cun saldo favorable de 4.960,99 euros. E o número de socios era de 62. Un ano máis editouse o segundo número anual do boletín Exfimiño, coincidindo coa exposición do mesmo nome. E por suposto mantívose ao día o blog con noticias, artigos, etc., unha tarefa da que se encargaban o presidente e o secretario.

En canto ás actividades realizadas, ese ano resultou falido o segundo concurso de debuxo intentado pola Sociedade. Se ben volveu resultar un éxito a participación de varios membros da Sociedade en diversas exposicións nacionais. Así, en maio Luciano Lomba Vicente participou coa súa colección na exposición Filatélica Getxo 2012, obtendo 87 puntos e a súa primeira medalla de ouro. Na exposición Filatélica Hispano Portuguesa «Cuenca del Duero» celebrada en xuño en Benavides (León) participaron Marta Verde, que conseguiu a medalla de Vermeil, e José Ángel Gándara, que obtivo a medalla de ouro e o grande premio da exposición. E en outubro celebrouse en Calahorra (La Rioja) a 50º edición de Exfilna cunha participación de 160 coleccións. Sen embargo nesta ocasión, por diversos motivos, a presenza de filatélicos guardeses foi escasa. Tan só participou a colección «Beleza e cosmética natural» de Marta Verde Rodríguez que alcanzou 77 puntos (medalla de Vermeil), así como o blog da Sociedade que obtivo 73 puntos (medalla de prata grande).[88]

Continuara...


[82] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 70-73; e Exfimiño, nº 32, agosto-decembro 2010, p. 12. Nesta Asemblea Xeral tamén se informou aos socios do bo estado económico da sociedade cun saldo de 3.686,13 euros.
[83] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 74-77.
[84] Exfimiño, nº 34, novembro 2012, p. 4.
[85] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 74-77; e Exfimiño, nº 33, outubro 2011, pp. 1-9.
[86] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 76; e Exfimiño, nº 34, novembro 2012, p. 3.
[87] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 78-81.
[88] Exfimiño, nº 34, novembro 2012, p. 3; e Exfimiño, nº 35, outubro 2013, p. 2.

lunes, 8 de diciembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica, por Joaquín Miguel Villa Alvarez (1964-2014) ( X )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

Ese ano 2009 a actividade expositora dos filatelistas da Sociedade continuou sendo moi intensa; e mesmo deu a volta ao mundo. Así, en Luoyang (China) celebrouse en abril a Exposición Mundial de Filatelia 2009, conseguindo o secretario José Ángel Gándara Rodríguez coa súa colección: «Colón, rumbo ás Indias», a medalla de Vermeil Grande. Máis preto, en Irún (España), celebrouse do 6 ao 12 de outubro de 2009 a Exposición Filatélica Nacional Exfilna 2009, á que concorreron 170 coleccións de toda España, 18 delas de Galicia; e de elas tres da Guarda. Era a primeira vez na historia da Sociedade Filatélica que participaban tres coleccións guardesas nun campionato nacional, o que motivou as felicitacións da organización, da Federación Española e de moitos afeccionados á filatelia, xa que non era doado que unha localidade tan pequena como A Guarda levase tal representación. O palmarés alcanzado polas tres coleccións foi ademais moi meritorio: «Colón, rumbo ás Indias» de José Ángel Gándara obtivo unha nova medalla de ouro, «Do mosteiro rural á catedral urbana» de Luciano Lomba a medalla de Vermeil, e a colección «Ese descoñecido principio» de Jorge Martínez Baz, que participaba por primeira vez nun certame nacional, medalla de prata grande, sendo ademais a mellor colección debutante. No mes de novembro dous filatelistas guardesas conseguiron novos éxitos para A Guarda, neste caso na 1ª Mostra Filatélica Perolas do Atlántico, celebrada nas Azores (Portugal): Cristina Domínguez Rotea medalla de Prata Grande e Marta Verde Rodríguez medalla de Prata.[76]

Xa na Guarda, do 30 de outubro ao 3 de novembro de 2009 celebrouse nos salóns do Recreo Artístico Guardés a 26ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2009, coa participación de expositores locais. Era ademais o cuarto dos actos de homenaxe á Sociedade Pro-Monte, nesta ocasión dedicado ao primeiro vicepresidente Vicente de Vicente Vicente. O día da inauguración, 30 de outubro, estivo presente o Subdirector de Correos da República Dominicana que viña de presentar no Centro Cultural o selo da Praza de Santo Domingo na Guarda.[77]

Na Asemblea Xeral Ordinaria do 7 de marzo de 2010 informouse do bo estado das contas da Sociedade, cun saldo favorable de 4.256,43 euros, así como das actividades realizadas ese ano. Pero a novidade máis importante produciuse ao final da Asemblea cando o presidente Juan Álvarez Sobrino anunciou o seu cesamento voluntario por razóns de idade. Formouse entón unha nova directiva coa seguinte repartición de cargos:

Presidente:                             Luciano Lomba Vicente
Vicepresidente:                       Marcelino Portela Lorenzo
Secretario:                              José Ángel Gándara Rodríguez
Vicesecretario:                       Jorge Martínez Baz
Administradora:                     Marta Verde Rodríguez
Viceadministrador:                 Rafael Alonso Gómez
Vogais:                                   Almudena Taboada Lago
                                               Ignacio Rodríguez Álvarez
                                               Lucía Álvarez Sobrino
Cristina Domínguez Rotea
                                               Ramón González González[78]

Como se pode comprobar, o único cambio importante produciuse na presidencia pois os demais directivos eran practicamente os mesmos. Con todo, a chegada dun presidente que non era socio fundador marca, sen lugar a dúbidas, unha nova etapa na historia desta Sociedade filatélica, ratificando ademais o relevo xeracional da institución. O presidente saínte Juan Álvarez Sobrino despediuse de todos os socios cunha carta aberta, publicada no Boletín da Sociedade, na que destacaba o camiño andado ata entón, así como o labor dos directivos durante todos eses anos:

Quiero agradecer a los Directivos y Socios de la Sociedad Filatélica y Numismática Guardesa por todas las atenciones recibidas a favor de mi persona durante tantos años. Unidos como una piña, vosotros, vosotros sois los verdaderos artífices de que nuestra sociedad alcanzara tan alto nivel en la filatelia: local, provincial, regional, nacional e internacional. Orgullo y ejemplo asociativo de A Guarda.[79]

IV. A presidencia de Luciano Lomba Vicente (2010-2014...)

Luciano Lomba Vicente, terceiro presidente da Sociedade Filatélica


Durante os catro primeiros anos de Luciano Lomba Vicente á fronte da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, vivíronse xa anos de plena madureza e apoxeo institucional, coroados por novos éxitos nacionais e internacionais. Por suposto todo iso con moito, moitísimo traballo por detrás.

No ano 2010 a actividade da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa seguiu sendo intensísima. De feito houbo dúas participacións nada menos que no Brasil. En efecto, as coleccións de José Ángel Gándara e Jorge Martínez Baz estiveron na Exposición Filatélica Nacional Sul das Gerais, e as de Jorge Martínez Baz e Luciano Lomba participaron na Exposición Filatélica Internacional de Belo Horizonte. No mes de xuño os directivos Luciano Lomba, Marta Verde e José Ángel Gándara desprazáronse ata Avilés para a clausura de Filatem 2010, asistindo ao seminario de filatelia temática impartido por José Ramón Moreno. Na devandita exposición participaron un total de 86 coleccións de España, Francia, Brasil e Cuba, e catro delas eran de membros da Sociedade Filatélica Guardesa. A colección «Beleza natural» de Marta Verde Rodríguez, que participaban por primeira vez nun certame nacional, foi unha das sorpresas da mostra pois recibiu unha medalla de Vermeil, sendo a segunda mellor debutante. Pero o gran éxito conseguiuno unha vez máis José Ángel Gándara coa súa colección: «Colón, rumbo ás Indias», a cal logrou levarse, trala última deliberación do xurado, o Grande Premio da Exposición con 88 puntos e medalla de ouro, o maior éxito obtido pola súa colección ata entón. Un éxito que se repetiría catro meses máis tarde ao obter a medalla de ouro e premio especial na Exposición Internacional Romafil 2010 celebrada en Roma no mes de outubro. Finalmente, en novembro as coleccións de Marta Verde e Jorge Martínez conseguiron as medallas de Vermeil e Prata Grande, respectivamente, na exposición Iberex-Vigo 2010.[80]

Pouco antes, do 9 ao 12 de outubro celebrouse de novo no Recreo Artístico Guardés a 27ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2010, cun mataselos especial con motivo do Xacobeo para conmemorar o Camiño de Santiago pola Costa. Era o quinto dos actos de homenaxe á Sociedade Pro-Monte, nesta ocasión en honra do primeiro tesoureiro José María González Cividanes, a quen se dedicou un mataselos especial concedido por Correos. Antes de inaugurar a exposición, o representante da Federación Galega de Sociedades Filatélicas, Valentín Suárez Alonso, fixo entrega do Diploma, Medalla e Insignia de Ouro ao Mérito Filatélico de FEGASOFI a Juan Álvarez Sobrino.[81]
Continuara...


[76] Exfimiño, nº 28, maio-agosto 2009, pp. 1-3, e Exfimiño, nº 29, setembro-decembro 2009, pp. 3-4 e 12.
[77] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 67-68; e Exfimiño, nº 29, setembro-decembro 2009, pp. 1-2 e 5-11.Tamén entregóuselle a medalla de ouro ao mérito filatélico de FEGASOFI a José María González Troncoso, Presidente do Grupo Filatélico de Tui.
[78] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 67-69; e Exfimiño, nº 30, xaneiro-abril 2010, pp. 2-4.
[79] Exfimiño, nº 31, maio-xullo 2010, p. 9.
[80] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 70-72; Exfimiño, nº 30, xaneiro-abril 2010, p. 2; Exfimiño, nº 31, maio-xuño 2010, pp. 5-7; Exfimiño, nº 32, agosto-decembro 2010, pp. 4-6; e Exfimiño, nº 33, outubro 201, p. 10.
[81] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 70-72; Exfimiño, nº 30, xaneiro-abril 2010, pp. 1 e 5-8; Exfimiño, nº 31, maio-xullo 2010, pp. 1-4; e Exfimiño, nº 32, agosto-decembro 2010, pp. 1-2 e 11.

sábado, 6 de diciembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( IX )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

A principal actividade deste ano foi a 23ª exposición filatélica da Sociedade, Exfigalicia 2007, celebrada no Recreo Artístico Guardés do 12 ao 20 de outubro de 2007. Era a terceira exposición de ámbito rexional organizada por esta Sociedade, tiña carácter competitivo e contou coas 47 mellores coleccións de Galicia e Portugal. Na inauguración emitiuse un selo personalizado do monte Santa Trega, concretamente dos seus restos arqueolóxicos, cumpríndose así unha vella aspiración da filatelia guardesa dende había anos. A devandita exposición foi tamén o segundo dos actos de homenaxe á Sociedade Pro-Monte, polo que se emitiron dous mataselos conmemorativos dedicados aos fundadores Julián López García e José Pedreira Sobrino.[66]

Postal, selo e mataselos do monte Santa Trega do ano 2007


Días despois, do 1 ao 4 de novembro de 2007, a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa organizou no Salón dos Espellos do Colexio PP. Somascos da Guarda a súa 24ª exposición filatélica, unha mostra local con motivo do 50º aniversario da chegada desta orde relixiosa italiana á vila da Guarda. Por iso, o propio Colexio PP. Somascos emitiu tamén un selo conmemorativo, así como sobres e postais, coa imaxe da primeira promoción do colexio. Xunto á exposición da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, formada por coleccións de gran prestixio pertencentes a algúns membros da asociación, estivo unha colección filatélica singular: os selos elaborados polos alumnos de Educación Primaria do colexio que, cos mesmos títulos dalgunhas coleccións temáticas, «deixaron unha pegada da súa creatividade, e quen sabe se de futuros filatelistas».[67]

Ao longo do ano 2007 varios membros da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa participaron noutras competicións de carácter internacional alcanzando importantes premios.[68] A Sociedade continuaba pois a súa marcha puxante.

Na Asemblea Xeral Ordinaria do 7 de marzo de 2008, a directiva expuxo o magnífico estado económico da Sociedade a cal rematara ese ano cun saldo favorable de 3.692,39 euros. Continuou tamén a súa grande actividade social, realizándose un novo curso de filatelia temática, así como a publicación do boletín Exfimiño. Non obstante, neste caso, o seu responsable e coordinador Antón Ferreira pediu o relevo por motivos de traballo, pasando a encargarse deste o vicepresidente Luciano Lomba. A directiva deu as grazas publicamente a Antón Ferreira no primeiro boletín dese ano: «Fuches a alma e ou verdadeiro fundador do Boletín EXFIMIÑO. Grazas Antón».[69]

Este ano, do 18 e 21 de outubro de 2008 celebrouse no Centro Cultural da Guarda Exfimiño 2008, a 25ª exposición filatélica da Sociedade, e o terceiro dos actos de homenaxe á Sociedade Pro-Monte. É de destacar que todas as coleccións expostas pertencían a membros da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa. O día da inauguración emitiuse un selo conmemorativo coa imaxe do torques do Museo do Trega, así como un mataselos especial dedicado ao primeiro secretario da Sociedade Pro-Monte Pacífico Rodríguez.[70]

Sobre con mataselos dedicado a Pacífico Rodríguez en 2008


En canto aos éxitos dos filatelistas guardeses, en xuño de 2008 celebrouse en Budapest a Exposición Filatélica Mundial (EFIRO 2008), participando o secretario José Ángel Gándara coa súa colección: «Colón, rumbo ás Indias», que obtivo a medalla de Vermeil Grande. A directiva da Sociedade Filatélica volveu felicitalo dende as páxinas do boletín Exfimiño por este novo logro e por levar o nome da Guarda por todo o mundo.[71] E en novembro varios filatelistas guardeses participaron na 26ª Mostra Filatélica de Galicia e Portugal, alcanzado novos éxitos coas súas xa afamadas coleccións: «Ese descoñecido principio» de Jorge Martínez Baz medalla de prata grande, e «Do mosteiro rural á catedral urbana» de Luciano Lomba Vicente medalla de Vermeil.[72] No mes de marzo de 2008 o secretario José Ángel Gándara foi o encargado de realizar a presentación do selo personalizado que emitiu a Sociedade «Os Amigos» de Camposancos con motivo do seu centenario.[73]

Na Asemblea Xeral Ordinaria do 15 de febreiro de 2009 informouse de novo do bo estado das contas, cun saldo favorable de 3.408,75 euros, así como da actualización dos catálogos Ivert, a publicación do boletín Exfimiño, a realización dun novo curso temático, e o abono de selos e moedas de España. Aprobouse tamén a suba da cuota anual ata os 12 euros. Finalmente, tralo informe de actividades, Cristina Domínguez propuxo solicitar a medalla de ouro ao mérito filatélico de FEGASOFI para Juan Álvarez Sobrino «polo seu amplo labor e currículo filatélico».[74] Ese mesmo día, ao termo da Asemblea Xeral Ordinaria, se celebrou unha Extraordinaria na que produciu o nomeamento como Socios de Honra de Ángel Pérez Álvarez e Joaquín Miguel Villa Álvarez, dado que «veñen colaborando ano tras ano de forma totalmente desinteresada con esta Sociedade».[75] O primeiro polo deseño gráfico dos mataselos e o segundo pola redacción das biografías dos fundadores de Pro-Monte.


Continuara...


[66] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 60-61; Exfimiño, nº 23, maio-agosto 2007, p. 4-5; e Exfimiño, nº 24, xaneiro-abril 2008, pp. 1-6. Homenaxeouse tamén ao filatelista galego Manuel Lago, recentemente falecido.
[67] Exfimiño, nº 24, xaneiro-abril 2008, p. 9; e Joaquín Miguel Villa Álvarez (2008), Op. Cit., p. 424.
[68] Exfimiño, nº 24, xaneiro-abril 2008, pp. 7-8.
[69] Exfimiño, nº 24, xaneiro-abril 2008, p. 12.
[70] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 62-63; Exfimiño, nº 25, maio-agosto 2008, pp. 1-3; e Exfimiño, nº 26, setembro-decembro 2008, pp. 1-2.
[71] Exfimiño, nº 25, maio-agosto 2008, p. 12.
[72] Exfimiño, nº 26, setembro-decembro 2008, p. 3.
[72] Exfimiño, nº 24, xaneiro-abril 2008, p. 9.
[74] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 62-64; e Exfimiño, nº 27, febreiro-marzo 2009, pp. 2-4.
[75] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 65-66; e Exfimiño, nº 27, febreiro-marzo 2009, p. 5.

viernes, 5 de diciembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( VIII )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

III.2. O imparable despegue da institución (2005-2010)

En xuño de 2005 celebrouse en Alicante a 43º exposición filatélica nacional, Exfilna 2005, na cal o secretario José Ángel Gándara Rodríguez obtivo esta vez a Medalla de Ouro pola súa colección: «Colón, rumbo ás Indias».[57] Con esta definitiva lombeirada a nivel nacional, a colección de Gándara convertíase no buque insignia da Sociedade Filatélica, ademais dun referente para as demais socios e filatélicos.

Pero en ese ano 2005 a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa vaise embarcar nun novo e ambicioso proxecto de traballo de oito anos de duración (2005-2012): a conmemoración de centenario da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla que tería lugar en 2012. Non en van a Sociedade fora fundada en 1964 como Sección Filatélica de Pro-Monte, polo que se sentía herdeira súa. Entre os actos do pre-centenario estarían varias exposicións filatélicas dedicadas aos fundadores da Sociedade Pro-Monte, coa presentación das súas biografías no acto inaugural, así como un mataselos especial dedicado a cada un deles. A comisión organizadora destes actos, formada por trece persoas, estaría presidida polo secretario da Sociedade José Ángel Gándara Rodríguez, como comisario xeral.[58]

O primeiro dos actos de homenaxe foi a 22ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2005, celebrado no Centro Cultural da Guarda do 25 de setembro ao 1 de outubro de 2005, e dedicada a Manuel Lomba Peña, o fundador e primeiro presidente da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla.[59]

Sobre con mataselos dedicado a Manuel Lomba Peña en 2005. 


Non todo eran, sen embargo, boas noticias. De feito fracasou, por falta de financiamento, o segundo dos actos previstos para o ano 2006, consistente na exposición Exfigalicia a celebrar no mes de outubro. O que si se levou a cabo foi un segundo curso de filatelia temática no que participaron cinco coleccionistas, tal e como se informou na Asemblea Xeral Ordinaria do 2 de abril de 2006.[60]

Pero o máis importante dese ano 2006 foi a constatación do relevo xeracional na Sociedade con zume novo, pois se incorporaran novos afeccionados que, baixo a dirección dos veteranos, estaban a crear importantes coleccións temáticas capaces de competir en concursos nacionais e internacionais. Proba diso son os magníficos resultados obtidos na exposición Exgaportem 2006 celebrada en setembro e outubro dese ano en Marinha Grande (Portugal). Recibiron medalla de bronce as coleccións de Almudena Taboada Lago e Cristina Domínguez Rotea; medalla de bronce prateado as coleccións de Jorge Martínez Baz e Miguel Martínez Pérez; e finalmente a medalla de Vermeil para a colección máis veterana de Luciano Lomba Vicente. Aínda que o éxito principal o obtivo unha vez máis o secretario da Sociedade José Ángel Gándara, pois a súa famosa colección: «Colón, rumbo ás Indias» foi recoñecida pola Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) como a mellor colección do ano 2006. Non en van Gándara levaba xa vinte anos dedicados a unha colección con once premios ás súas costas.[61] Ao ano seguinte, en xullo de 2007, Gándara participou tamén na IIIª Exposición Filatélica binacional México-España, celebrada en Jalisco (México), conseguindo unha nova medalla de ouro. Este novo triunfo convertía á súa colección na máis laureada da Guarda na súa historia, e unha das de maior prestixio e recoñecemento de España.[62]

Noticia na prensa alusiva aos éxitos da colección «Colón, rumbo ás Indias» José Ángel Gándara Rodríguez acadados en 2006. (La Voz de Galicia, 23 de xaneiro de 2007)


Así foi como na Asemblea Xeral Ordinaria do 25 de marzo de 2007, o vicepresidente Luciano Lomba propuxo que se concedese a insignia de ouro da Sociedade ao secretario José Ángel Gándara, pola labor realizada ao longo destes anos, en particular representando á Sociedade. Na devandita asemblea quedou tamén de manifesto o saneamento económico da Sociedade tralas medidas adoptadas nos anos previos. De feito rematouse o ano cun saldo favorable de 2.614,54 euros. Informouse tamén que se realizara o terceiro curso de filatelia temática e que se seguiu publicando o boletín Exfimiño. Finalmente procedeuse á elección de novo presidente para o período 2007-2010, sendo reelixido por unanimidade Juan Álvarez Sobrino.[63] Unha semana despois, o 2 de abril de 2007, celebrouse unha reunión no local social co único obxecto de constituír a nova directiva do cuatrienio 2007-2010, quedando a seguinte:

Presidente:                             Juan Álvarez Sobrino
Vicepresidente:                       Luciano Lomba Vicente
Secretario:                              José Ángel Gándara Rodríguez
Vicesecretario:                       Jorge Martínez Baz
Administrador:                       Rafael Alonso Gómez
Viceadministradora:               Marta Verde Rodríguez
Vogais:                                   Antón Ferreira Lorenzo
                                               Ignacio Rodríguez Álvarez
Cristina Domínguez Rotea
                                               Ramón González González
                                               Almudena Taboada Lago[64]

Xa no verán, concretamente o 31 de agosto de 2007, celebrouse unha Asemblea Xeneral Extraordinaria na que se propuxo a concesión da insignia de ouro da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa ao secretario José Ángel Gándara Rodríguez, a cal foi aprobada por maioría. Nese acto o vicepresidente Luciano Lomba Vicente realizou os presentes unha breve mención dos logros filatélicos do homenaxeado ao longo destes anos, defendendo e levando o nome da Sociedade e da Guarda por múltiples lugares. Rematado o acto, o presidente Juan Álvarez Sobrino expuxo a necesidade de condecorar tamén a persoas ou entidades privadas que, aínda que non eran membros da Sociedade, viñan colaborando con ela.[65]

Continuara...


[57] Exfimiño, nº 17, maio-agosto 2005, pp. 4-5. Neste boletín infórmase tamén da emisión dun selo conmemorativo na República Dominicana con motivo da irmandade desta cidade coa vila da Guarda.
[58] Exfimiño, nº 16, xaneiro-abril 2005, pp. 1 e 4-6.
[59] Exfimiño, nº 18, setembro-decembro 2005, pp. 1-8 e 11; e Exfimiño, nº 19, xaneiro-abril 2006, p. 8.
[60] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 54-55.
[61] Exfimiño, nº 20, maio-agosto 2006, p. 1; Exfimiño, nº 21, outubro-decembro 2006, pp. 1-3; Exfimiño, nº 22, xaneiro-abril 2007, pp. 1-7; e Exfimiño, nº 26, setembro-decembro 2008, p. 7.
[62] Exfimiño, nº 23, maio-agosto 2007, p. 2.
[63] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 56-57.
[64] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 58; e Exfimiño, nº 23, maio-agosto 2007, p. 8.
[65] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 59.