por
Joaquín Miguel Villa Álvarez
(historiador)
para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014
Como novidade, na Semana Santa realizouse no
Recreo Artístico Guardés unha primeira
Feira de Coleccionismo na que ademais de obxectos filatélicos, expuxéronse
pinturas, maquetas de barcos, esculturas, calendarios de peto, botellas de
gasosa, etc. Confirmábase así a nova faceta da Sociedade Filatélica e Numismática
Guardesa de atender a todo tipo de coleccionismo,
máis alá dos selos.
Finalmente, do 1 ao 4 de novembro celebrouse no
Recreo Artístico Guardés a 29ª exposición filatélica da Sociedade,
Exfimiño 2012, que era ademais a sétima das homenaxes á Sociedade Pro-Monte.
Nesta ocasión púxose en circulación un selo personalizado e un mataselos
especial de correos dedicado ao vogal fundador César Troncoso González. No
transcurso da exposición celebrouse tamén o IVº seminario filatélico de
FEGASOFI e UFINOR, que rematou o último día cunha mesa redonda de todos os
asistentes.[89]
O ano 2013 tamén foi moi prolífico, a tenor
do reflectido na acta da Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o 28 de marzo de
2014.[90]
No que se refire á orde interna, a administradora deu lectura das contas que daban
un saldo de 6.362,81 euros. Este ano tocaba tamén elección de nova Xunta
Directiva, e ao non se presentar ningún voluntario, acordouse por unanimidade que
continuase a mesma, cun único cambio, a saída de Cristina Domínguez Rotea e a entrada
no seu lugar de Teodosio González Ferreira. Rematada a Asemblea Xeral Ordinaria
celebrouse unha Extraordinaria ao obxecto de nomear a Juan Álvarez Sobrino
Presidente de Honor de la Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa. O propio
presidente Luciano Lomba informou os presentes que, tras recibir en vida todos
os recoñecementos desta Sociedade, a actual directiva propuxo a Juan Álvarez
Sobrino o actual nomeamento, pero non o quixo aceptar propondo que se deixase
para o futuro. E tendo en conta o seu falecemento e a celebración este ano 2014
do 50º aniversario da Sociedade, crían que era o momento idóneo. Así pois, o
nomeamento de Juan Álvarez Sobrino como Presidente de Honra foi aprobado por
unanimidade.[91]
No que se refire ás actividades máis relevantes
realizadas pola Sociedade, a primeira foi a I ª Exposición Filatélica e
Feira de Coleccionismo, celebrada no
Recreo Artístico Guardes en Semana Santa, do 28 ao 31 de marzo de 2013. Ademais
de coleccións filatélicas, exhibíronse mostra de calendarios de peto, fotos
antigas, postais antigas, chisqueiros, lotaría, dedais, barallas de cartas,
etc. A participación foi aberta a todo aquel que quixese participar, socios e
non socios, expoñéndose un total de 24 coleccións.[92]
A segunda actividade destacada foi a 30ª
exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2013, celebrada
no Recreo Artístico Guardés do 11 ao 13 de outubro de 2013. Era a oitavo e
última das homenaxes que a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa víñalle
dedicando dende 2005 á Sociedade Pro-Monte Santa Tecla. Emitiuse un selo
personalizado para a ocasión, coa imaxe do Pico de San Francisco, así como un mataselos
especial dedicado ao último dos fundadores de Pro-Monte: Constantino Candeira
González. A mostra contou con 27 coleccións de toda Galicia, incluídas catro
xuvenís da Sociedade «Miño» de Ourense; e un ano máis presentouse un novo
boletín anual Exfimiño.[93]
Entre as noticias máis destacables deste ano
destaca que na súa última Asemblea Xeral celebrada en Madrid o día 3 de marzo
de 2013, a Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) acordou conceder
a medalla ao recoñecemento polo extenso labor realizado en pro da filatelia
asociativa española e da filatelia en xeral, entre outros, ao guardés José
Ángel Gándara Rodríguez. Con relación ao palmarés dese ano, nos últimos días da
Exfilna 2013, celebrada en León, desprazáronse ata alí o presidente, o
secretario e a administradora da Sociedade, Luciano Lomba, José Ángel Gándara e
Marta Verde, respectivamente, para recibir as seguintes medallas: «Colón, Rumbo
ás Indias» de José Ángel Gándara Rodríguez, 88 puntos, medalla de Ouro; «Do mosteiro
rural á catedral urbana» de Luciano Lomba Vicente, 80 puntos, medalla de Vermeil
Grande; e «Beleza e cosmética natural» de Marta Verde Rodríguez, 77 puntos,
medalla de Vermeil. Ademais, o Boletín Exfimiño, con 68 puntos, recibiu
unha medalla de Prata.[94]
E finalmente chegamos a 2014, o ano do 50º
aniversario da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, do cal tan só podemos salientar que na Semana Santa,
do 17 ao 20 de abril, celebrouse no Recreo Artístico Guardés, con grande éxito de asistencia, a IIª Feira do
Coleccionismo e Exposición Filatélica,
confirmándose así o arraigamento deste novo modelo feiral, con opcións de
intercambio e compravenda. Pero neste ano as principais actividades da
Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa xirarán
en torno á celebración do 50º aniversario da súa fundación. O acto central terá
lugar do 4 ao 12 de outubro de 2014, nos salóns da Casa dos Alonsos, coa exposición EXFIGALIA 2014. Está prevista a
emisión dun selo personalizado así como homenaxear a todos os socios fundadores
da Sociedade Filatélica. Un xesto que honra aos actuais directivos pois, aínda
que están a vivir e protagonizar a época de maior esplendor da Sociedade en
toda a súa historia, son conscientes da importancia crucial que tiveron aqueles
pioneiros a sentar as bases e poñer os alicerces do prestixio rexional,
nacional e internacional que hoxe posúe a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa.
FIN
[89] Exfimiño, nº 34, novembro 2012,
pp. 8-12.
[90] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 82-85.
[91] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), p. 86.
[92] Exfimiño, nº 35, outubro 2013, p.
3.
[93] Exfimiño, nº 35, outubro 2013, pp.
1 e 4-9.
[94] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 82-85.
No hay comentarios:
Publicar un comentario