sábado, 6 de diciembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( IX )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

A principal actividade deste ano foi a 23ª exposición filatélica da Sociedade, Exfigalicia 2007, celebrada no Recreo Artístico Guardés do 12 ao 20 de outubro de 2007. Era a terceira exposición de ámbito rexional organizada por esta Sociedade, tiña carácter competitivo e contou coas 47 mellores coleccións de Galicia e Portugal. Na inauguración emitiuse un selo personalizado do monte Santa Trega, concretamente dos seus restos arqueolóxicos, cumpríndose así unha vella aspiración da filatelia guardesa dende había anos. A devandita exposición foi tamén o segundo dos actos de homenaxe á Sociedade Pro-Monte, polo que se emitiron dous mataselos conmemorativos dedicados aos fundadores Julián López García e José Pedreira Sobrino.[66]

Postal, selo e mataselos do monte Santa Trega do ano 2007


Días despois, do 1 ao 4 de novembro de 2007, a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa organizou no Salón dos Espellos do Colexio PP. Somascos da Guarda a súa 24ª exposición filatélica, unha mostra local con motivo do 50º aniversario da chegada desta orde relixiosa italiana á vila da Guarda. Por iso, o propio Colexio PP. Somascos emitiu tamén un selo conmemorativo, así como sobres e postais, coa imaxe da primeira promoción do colexio. Xunto á exposición da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, formada por coleccións de gran prestixio pertencentes a algúns membros da asociación, estivo unha colección filatélica singular: os selos elaborados polos alumnos de Educación Primaria do colexio que, cos mesmos títulos dalgunhas coleccións temáticas, «deixaron unha pegada da súa creatividade, e quen sabe se de futuros filatelistas».[67]

Ao longo do ano 2007 varios membros da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa participaron noutras competicións de carácter internacional alcanzando importantes premios.[68] A Sociedade continuaba pois a súa marcha puxante.

Na Asemblea Xeral Ordinaria do 7 de marzo de 2008, a directiva expuxo o magnífico estado económico da Sociedade a cal rematara ese ano cun saldo favorable de 3.692,39 euros. Continuou tamén a súa grande actividade social, realizándose un novo curso de filatelia temática, así como a publicación do boletín Exfimiño. Non obstante, neste caso, o seu responsable e coordinador Antón Ferreira pediu o relevo por motivos de traballo, pasando a encargarse deste o vicepresidente Luciano Lomba. A directiva deu as grazas publicamente a Antón Ferreira no primeiro boletín dese ano: «Fuches a alma e ou verdadeiro fundador do Boletín EXFIMIÑO. Grazas Antón».[69]

Este ano, do 18 e 21 de outubro de 2008 celebrouse no Centro Cultural da Guarda Exfimiño 2008, a 25ª exposición filatélica da Sociedade, e o terceiro dos actos de homenaxe á Sociedade Pro-Monte. É de destacar que todas as coleccións expostas pertencían a membros da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa. O día da inauguración emitiuse un selo conmemorativo coa imaxe do torques do Museo do Trega, así como un mataselos especial dedicado ao primeiro secretario da Sociedade Pro-Monte Pacífico Rodríguez.[70]

Sobre con mataselos dedicado a Pacífico Rodríguez en 2008


En canto aos éxitos dos filatelistas guardeses, en xuño de 2008 celebrouse en Budapest a Exposición Filatélica Mundial (EFIRO 2008), participando o secretario José Ángel Gándara coa súa colección: «Colón, rumbo ás Indias», que obtivo a medalla de Vermeil Grande. A directiva da Sociedade Filatélica volveu felicitalo dende as páxinas do boletín Exfimiño por este novo logro e por levar o nome da Guarda por todo o mundo.[71] E en novembro varios filatelistas guardeses participaron na 26ª Mostra Filatélica de Galicia e Portugal, alcanzado novos éxitos coas súas xa afamadas coleccións: «Ese descoñecido principio» de Jorge Martínez Baz medalla de prata grande, e «Do mosteiro rural á catedral urbana» de Luciano Lomba Vicente medalla de Vermeil.[72] No mes de marzo de 2008 o secretario José Ángel Gándara foi o encargado de realizar a presentación do selo personalizado que emitiu a Sociedade «Os Amigos» de Camposancos con motivo do seu centenario.[73]

Na Asemblea Xeral Ordinaria do 15 de febreiro de 2009 informouse de novo do bo estado das contas, cun saldo favorable de 3.408,75 euros, así como da actualización dos catálogos Ivert, a publicación do boletín Exfimiño, a realización dun novo curso temático, e o abono de selos e moedas de España. Aprobouse tamén a suba da cuota anual ata os 12 euros. Finalmente, tralo informe de actividades, Cristina Domínguez propuxo solicitar a medalla de ouro ao mérito filatélico de FEGASOFI para Juan Álvarez Sobrino «polo seu amplo labor e currículo filatélico».[74] Ese mesmo día, ao termo da Asemblea Xeral Ordinaria, se celebrou unha Extraordinaria na que produciu o nomeamento como Socios de Honra de Ángel Pérez Álvarez e Joaquín Miguel Villa Álvarez, dado que «veñen colaborando ano tras ano de forma totalmente desinteresada con esta Sociedade».[75] O primeiro polo deseño gráfico dos mataselos e o segundo pola redacción das biografías dos fundadores de Pro-Monte.


Continuara...


[66] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 60-61; Exfimiño, nº 23, maio-agosto 2007, p. 4-5; e Exfimiño, nº 24, xaneiro-abril 2008, pp. 1-6. Homenaxeouse tamén ao filatelista galego Manuel Lago, recentemente falecido.
[67] Exfimiño, nº 24, xaneiro-abril 2008, p. 9; e Joaquín Miguel Villa Álvarez (2008), Op. Cit., p. 424.
[68] Exfimiño, nº 24, xaneiro-abril 2008, pp. 7-8.
[69] Exfimiño, nº 24, xaneiro-abril 2008, p. 12.
[70] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 62-63; Exfimiño, nº 25, maio-agosto 2008, pp. 1-3; e Exfimiño, nº 26, setembro-decembro 2008, pp. 1-2.
[71] Exfimiño, nº 25, maio-agosto 2008, p. 12.
[72] Exfimiño, nº 26, setembro-decembro 2008, p. 3.
[72] Exfimiño, nº 24, xaneiro-abril 2008, p. 9.
[74] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 62-64; e Exfimiño, nº 27, febreiro-marzo 2009, pp. 2-4.
[75] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 65-66; e Exfimiño, nº 27, febreiro-marzo 2009, p. 5.

No hay comentarios:

Publicar un comentario