por
Joaquín Miguel Villa Álvarez
(historiador)
para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014
Ese ano 2009 a actividade expositora dos
filatelistas da Sociedade continuou sendo moi intensa; e mesmo deu a volta ao
mundo. Así, en Luoyang (China) celebrouse en abril a Exposición Mundial de
Filatelia 2009, conseguindo o secretario José Ángel Gándara Rodríguez coa súa
colección: «Colón, rumbo ás Indias», a medalla de Vermeil Grande. Máis preto, en
Irún (España), celebrouse do 6 ao 12 de outubro de 2009 a Exposición Filatélica
Nacional Exfilna 2009, á que concorreron 170 coleccións de toda España,
18 delas de Galicia; e de elas tres da Guarda. Era a primeira vez na historia
da Sociedade Filatélica que participaban tres coleccións guardesas nun
campionato nacional, o que motivou as felicitacións da organización, da
Federación Española e de moitos afeccionados á filatelia, xa que non era doado
que unha localidade tan pequena como A Guarda levase tal representación. O
palmarés alcanzado polas tres coleccións foi ademais moi meritorio: «Colón,
rumbo ás Indias» de José Ángel Gándara obtivo unha nova medalla de ouro, «Do
mosteiro rural á catedral urbana» de Luciano Lomba a medalla de Vermeil, e a
colección «Ese descoñecido principio» de Jorge Martínez Baz, que participaba
por primeira vez nun certame nacional, medalla de prata grande, sendo ademais a
mellor colección debutante. No mes de novembro dous filatelistas guardesas
conseguiron novos éxitos para A Guarda, neste caso na 1ª Mostra Filatélica
Perolas do Atlántico, celebrada nas Azores (Portugal): Cristina Domínguez Rotea
medalla de Prata Grande e Marta Verde Rodríguez medalla de Prata.[76]
Xa na Guarda, do 30
de outubro ao 3 de novembro de 2009 celebrouse nos salóns do Recreo Artístico Guardés a 26ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2009, coa participación de expositores
locais. Era ademais o cuarto dos actos de homenaxe á Sociedade Pro-Monte, nesta
ocasión dedicado ao primeiro vicepresidente Vicente de Vicente Vicente. O día da inauguración, 30 de outubro, estivo
presente o Subdirector de Correos da República Dominicana que viña de presentar
no Centro Cultural o selo da Praza de Santo Domingo na
Guarda.[77]
Na Asemblea Xeral Ordinaria do 7 de marzo de 2010
informouse do bo estado das contas da Sociedade, cun saldo favorable de
4.256,43 euros, así como das actividades realizadas
ese ano. Pero a novidade máis importante produciuse ao final da Asemblea
cando o presidente Juan Álvarez Sobrino anunciou o
seu cesamento voluntario por razóns de idade. Formouse entón unha nova
directiva coa seguinte repartición de cargos:
Presidente: Luciano
Lomba Vicente
Vicepresidente: Marcelino
Portela Lorenzo
Secretario: José
Ángel Gándara Rodríguez
Vicesecretario: Jorge
Martínez Baz
Administradora: Marta
Verde Rodríguez
Viceadministrador: Rafael
Alonso Gómez
Vogais: Almudena
Taboada Lago
Ignacio
Rodríguez Álvarez
Lucía
Álvarez Sobrino
Cristina Domínguez Rotea
Ramón
González González[78]
Como se pode comprobar, o único cambio importante
produciuse na presidencia pois os demais directivos eran practicamente os
mesmos. Con todo, a chegada dun presidente que non era socio fundador marca,
sen lugar a dúbidas, unha nova etapa na historia desta Sociedade filatélica,
ratificando ademais o relevo xeracional da institución. O presidente saínte Juan
Álvarez Sobrino despediuse de todos os socios cunha carta aberta, publicada no
Boletín da Sociedade, na que destacaba o camiño andado ata entón, así como o
labor dos directivos durante todos eses anos:
Quiero agradecer a los Directivos y
Socios de la Sociedad Filatélica y Numismática Guardesa por todas las
atenciones recibidas a favor de mi persona durante tantos años. Unidos como una
piña, vosotros, vosotros sois los verdaderos artífices de que nuestra sociedad
alcanzara tan alto nivel en la filatelia: local, provincial, regional, nacional
e internacional. Orgullo y ejemplo asociativo de A Guarda.[79]
IV. A
presidencia de Luciano Lomba Vicente (2010-2014...)
Luciano Lomba
Vicente, terceiro presidente da Sociedade Filatélica
Durante os catro primeiros anos de Luciano Lomba
Vicente á fronte da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, vivíronse xa anos de plena madureza e apoxeo
institucional, coroados por novos éxitos nacionais e internacionais. Por
suposto todo iso con moito, moitísimo traballo por
detrás.
No ano 2010 a actividade da Sociedade
Filatélica e Numismática Guardesa seguiu sendo intensísima. De feito houbo dúas
participacións nada menos que no Brasil. En efecto, as coleccións de José Ángel
Gándara e Jorge Martínez Baz estiveron na Exposición Filatélica Nacional Sul das
Gerais, e as de Jorge Martínez Baz e Luciano Lomba participaron na Exposición
Filatélica Internacional de Belo Horizonte. No mes de xuño os directivos
Luciano Lomba, Marta Verde e José Ángel Gándara desprazáronse ata Avilés para a
clausura de Filatem 2010, asistindo ao seminario de filatelia temática
impartido por José Ramón Moreno. Na devandita exposición participaron un total
de 86 coleccións de España, Francia, Brasil e Cuba, e catro delas eran de
membros da Sociedade Filatélica Guardesa. A colección «Beleza natural» de Marta
Verde Rodríguez, que participaban por primeira vez nun certame nacional, foi
unha das sorpresas da mostra pois recibiu unha medalla de Vermeil, sendo a
segunda mellor debutante. Pero o gran éxito conseguiuno unha vez máis José
Ángel Gándara coa súa colección: «Colón, rumbo ás Indias», a cal logrou
levarse, trala última deliberación do xurado, o Grande Premio da Exposición con
88 puntos e medalla de ouro, o maior éxito obtido pola súa colección ata entón.
Un éxito que se repetiría catro meses máis tarde ao obter a medalla de ouro e
premio especial na Exposición Internacional Romafil 2010 celebrada en
Roma no mes de outubro. Finalmente, en novembro as coleccións de Marta Verde e
Jorge Martínez conseguiron as medallas de Vermeil e Prata Grande,
respectivamente, na exposición Iberex-Vigo 2010.[80]
Pouco antes, do 9 ao 12 de outubro celebrouse de
novo no Recreo Artístico Guardés a 27ª exposición filatélica da
Sociedade, Exfimiño 2010, cun mataselos especial con motivo do
Xacobeo para conmemorar o Camiño de Santiago pola Costa. Era o quinto dos actos
de homenaxe á Sociedade Pro-Monte, nesta ocasión en honra do primeiro
tesoureiro José María González Cividanes, a quen se dedicou un mataselos
especial concedido por Correos. Antes de inaugurar a exposición, o
representante da Federación Galega de Sociedades Filatélicas, Valentín Suárez
Alonso, fixo entrega do Diploma, Medalla e Insignia de Ouro ao Mérito
Filatélico de FEGASOFI a Juan Álvarez Sobrino.[81]
Continuara...
[76] Exfimiño, nº 28, maio-agosto 2009,
pp. 1-3, e Exfimiño, nº 29, setembro-decembro 2009, pp. 3-4 e 12.
[77] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 67-68; e Exfimiño, nº 29, setembro-decembro
2009, pp. 1-2 e 5-11.Tamén entregóuselle a medalla de ouro ao mérito filatélico
de FEGASOFI a José María González Troncoso, Presidente do Grupo Filatélico de
Tui.
[78] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 67-69; e Exfimiño, nº 30, xaneiro-abril
2010, pp. 2-4.
[80] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 70-72; Exfimiño, nº 30, xaneiro-abril 2010,
p. 2; Exfimiño, nº 31, maio-xuño 2010, pp. 5-7; Exfimiño, nº 32,
agosto-decembro 2010, pp. 4-6; e Exfimiño, nº 33, outubro 201, p. 10.
[81] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 70-72; Exfimiño, nº 30, xaneiro-abril 2010,
pp. 1 e 5-8; Exfimiño, nº 31, maio-xullo 2010, pp. 1-4; e Exfimiño,
nº 32, agosto-decembro 2010, pp. 1-2 e 11.
No hay comentarios:
Publicar un comentario