por
Joaquín Miguel Villa Álvarez
(historiador)
para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014
Éxitos
internacionais da Sociedade Filatélica Guardesa en 2010. (Faro de Vigo, 27 de novembro de 2010 )
Un mes antes, o 9 de setembro de 2010, inaugurouse
o blog da Sociedade en Internet: filateliaguardesa.blogspot.com,
«co obxecto de ter máis informado aos socios, ademais de publicar artigos,
noticias, mataselos de Galicia, e sobre todo o apoio á filatelia temática». A
aparición do blog, deseñado por Luciano Lomba Castro, o fillo do presidente,
ocasionou un problema de duplicidade xa que agora a Sociedade tiña dúas canles
de información paralelas. Por iso a directiva propuxo que o boletín Exfimiño
pasase a ser anual, e que a súa edición coincidise coa exposición a celebrar,
servindo tamén como catálogo desta. Unha proposta que foi aprobada por
unanimidade na primeira Asemblea Xeral Ordinaria presidida por Luciano Lomba
Vicente, que tivo lugar no local social o 6 de febreiro de 2011.[82]
Así pois, o ano 2010 foi o último en que se editaron tres números do boletín Exfimiño.
Segundo logo da
Sociedade
O ano 2011 foi moi prolífico, a tenor do
reflectido na acta da Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o 14 de xaneiro de
2012.[83]
Para empezar expúxose unha situación económica saneada, cun saldo de 4.820,50 euros, e unha importante masa social formada por 63
socios (era o primeira vez que se informaba sobre o
número de asociados). Ese ano produciuse ademais unha baixa por falecemento moi
sinalada, a do ex presidente Juan Álvarez Sobrino. Con relación á propia asociación, levouse a cabo a renovación
do local social o cal estivo xa plenamente operativo a principios do verán. O
mesmo sucedeu coa biblioteca, que foi mellorada e ampliada coa adquisición de
novos catálogos. En canto ao blog de Internet, no seu
primeiro ano de existencia tivo 300 entradas (para pedir consello, solicitar
selos e mataselos, etc.) e nada menos que un
total de 69.000 visitas. No apartado de rogos e preguntas a directiva Marta
Verde propuxo pasar a papel e encadernar os artigos publicados no blog, o que foi aprobado por unanimidade. Nesa mesma
Asemblea Xeral a directiva propuxo o cambio de logotipo da Sociedade,
presentando o secretario un amplo informe co novo deseño elaborado polo socio
de honra Ángel Pérez Álvarez, unha vez máis de
xeito desinteresado, que impresionou a todos os presentes e foi aprobado por
unanimidade.[84]
En canto á actividade externa da Sociedade, en 2011
levouse a cabo unha proposta do secretario José Ángel Gándara realizada o ano
anterior consistente nun concurso de debuxo titulado: «Un selo para A Guarda», aberto
para os nenos e nenas dos colexios da localidade de entre 6 e 13 anos. O premio
final era converter o debuxo gañador nun selo de correos. Participaron máis de
200 nenos pertencentes aos centros da Sangriña, Solanas, Carmelitas e PP.
Somascos. O gañador foi Miguel González Flores, de Carmelitas. O selo
personalizado do seu debuxo foi presentado e posto en circulación o día da
inauguración da 28ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño
2011, celebrada nos salóns do Recreo Artístico Guardés do 12 ao 16 de
outubro, coa participación de 13 coleccións. Era ademais a sexta das homenaxes
á Sociedade Pro-Monte, nesta ocasión en honra do vogal Antolín Silva Vicente, a
quen se dedicou un mataselos especial concedido por Correos. Ese mesmo día se
puxo en circulación outro selo dedicado ao semanario guardés La Voz del
Tecla (1911-1920) do que ese ano se cumpría o centenario da súa fundación.
Por este motivo a asociación Infomaxe realizou unha exposición das portadas deste
xornal, e editou un libro da autoría de Xoán Martínez Tamuxe. A novidade desta
nova exposición da Sociedade foi que, ademais dunha mostra filatélica, o foi
tamén de coleccionismo en xeral e manualidades, destacando a exhibición de
maquetas de barcos.[85]
No que se refire ás participacións no exterior, o
8 de outubro de 2011 catro directivos da Sociedade desprazáronse a Valladolid
con motivo da Exposición Filatélica Nacional, EXFILNA, presentando cada un unha
colección, e ademais a sociedade participando co seu blog. O palmarés obtido
foi o seguinte: Medalla de Ouro, 88 puntos e premio «Antonio Castellanos á
mellor colección temática: «Colón, rumbo ás Indias» de José Ángel Gándara
Rodríguez; Medalla de Vermeil Grande, con 80 puntos, para Luciano Lomba Vicente
pola súa colección: «Do mosteiro rural á catedral urbana»; Medalla de Vermeil,
con 77 puntos, para Marta Verde Rodríguez pola súa colección: «Beleza e
cosmética natural»; Medalla de Prata Grande, con 73 puntos, para Jorge Martínez
Baz pola súa colección: «Ese descoñecido principio»; e Medalla de Prata grande,
tamén con 73 puntos, para o blog da Sociedade.[86]
O ano 2012 foi de novo moi prolífico, tal e
como reflicte a acta da Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o 9 de marzo de
2013.[87]
O estado económico seguía sendo boiante, rematando o ano cun saldo favorable de
4.960,99 euros. E o número de socios era de 62. Un
ano máis editouse o segundo número anual do boletín Exfimiño,
coincidindo coa exposición do mesmo nome. E por suposto mantívose ao día o blog con noticias, artigos, etc., unha tarefa da que se
encargaban o presidente e o secretario.
En canto ás actividades realizadas, ese ano
resultou falido o segundo concurso de debuxo intentado pola Sociedade. Se ben volveu
resultar un éxito a participación de varios membros da Sociedade en diversas
exposicións nacionais. Así, en maio Luciano Lomba Vicente participou coa súa
colección na exposición Filatélica Getxo 2012, obtendo 87 puntos e a súa
primeira medalla de ouro. Na exposición Filatélica Hispano Portuguesa «Cuenca
del Duero» celebrada en xuño en Benavides (León) participaron Marta Verde, que
conseguiu a medalla de Vermeil, e José Ángel Gándara, que obtivo a medalla de
ouro e o grande premio da exposición. E en outubro celebrouse en Calahorra (La
Rioja) a 50º edición de Exfilna cunha participación de 160 coleccións. Sen
embargo nesta ocasión, por diversos motivos, a presenza de filatélicos
guardeses foi escasa. Tan só participou a colección «Beleza e cosmética
natural» de Marta Verde Rodríguez que alcanzou 77 puntos (medalla de Vermeil),
así como o blog da Sociedade que obtivo 73 puntos (medalla de prata grande).[88]
Continuara...
[82] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 70-73; e Exfimiño, nº 32, agosto-decembro
2010, p. 12. Nesta Asemblea Xeral tamén se informou aos socios do bo estado
económico da sociedade cun saldo de 3.686,13 euros.
[83] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 74-77.
[84] Exfimiño, nº 34, novembro 2012, p.
4.
[85] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 74-77; e Exfimiño, nº 33, outubro 2011, pp.
1-9.
[86] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), p. 76; e Exfimiño, nº 34, novembro 2012, p. 3.
[87] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 78-81.
[88] Exfimiño, nº 34, novembro 2012, p.
3; e Exfimiño, nº 35, outubro 2013, p. 2.
No hay comentarios:
Publicar un comentario