miércoles, 3 de diciembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( VI )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

Así pois, quedaba formalmente aclarada a situación do local social, situado nos baixos da Casa da Cultura. Alí os socios dispoñían de catálogos, revistas, obras de consulta, poxas, etc., sendo o horario de apertura os sábados de 11 a 13 horas.

Do 4 ao 11 de agosto de 1997 celebrouse a 17ª exposición filatélica da asociación, titulada Exfimiño'97, coincidindo co 84º aniversario das Festas do Monte. O mataselos foi unha gaita galega cun fragmento do escudo guardés.[36]

Un ano despois, do 10 ao 16 de agosto de 1998 celebrouse nos salóns do Recreo Artístico Guardés a 18ª exposición da Sociedade, nesta ocasión unha mostra de carácter rexional titulada Exfigalicia'98 na que estiveron as mellores coleccións de Galicia e Norte de Portugal. O mataselos reproducía a Torre do Reloxo de vila guardesa.[37] Era a segunda vez que a Sociedade Filatélica organizaba un evento de carácter rexional pois como recordamos a primeira fora en 1970.

            A finais dese mesmo ano, concretamente o 4 de decembro de 1998, celebrouse unha Asemblea Xeral na que se constituíu unha nova Xunta Directiva para afrontar a nova época da Sociedade; basicamente unha continuación da do ano 1996, aínda que con algúns cambios:

Presidente:                             Juan Álvarez Sobrino
Vicepresidente:                       Anastasio Manuel Fuentes Gómez
Secretario:                              José Ángel Gándara Rodríguez
Vicesecretario:                       Enrique Castro Pereira
Tesoureiro:                              Rafael Alonso Gómez
Vicetesoureiro:                       Ramón Fernández Cadilla
Sección xuvenil:                     Marta Verde Rodríguez
Vogais:                                   Alfonso Dorado Senra
                                               Florindo Álvarez Martínez
                                               Antón Ferreira Lorenzo

            Resolta a cuestión do local social, quedaba agora por solucionar a delicada situación económica da Sociedade a cal, como veremos, só comezará a mellorar a partir de 2001, e non se resolverá ata o ano 2004 (tras a domiciliación bancaria das cotas e abonos dos socios). Así foi como nesa mesma Asemblea de 1998 se tomaron xa dúas importantes decisións económicas: en primeiro lugar a subida da cota anual a 1.000 pesetas, e en segundo a creación dun fondo anual de 5.000 pesetas por cada socio para poder afrontar os abonos a novidades. Finalmente acordouse celebrar unha exposición de carácter local na 2ª semana de agosto, coincidindo coa Festa do Monte.[38]

Así foi como o 30 de xullo ao 8 de agosto 1999 se celebrou no Centro Cultural a 19ª exposición filatélica da asociación, titulado Exfimiño'99, nesta ocasión conmemorando 35º aniversario da fundación da Sociedade Filatélica. O mataselos, como pedía a ocasión, foi o emblema do grupo.[39]

Case un ano despois, na reunión da directiva do 21 de outubro de 1999, sóubose que das 150 series recibidas había 35 que non estaban aboadas, o que supoñía unha carga inasumible para a Sociedade. Por iso acordouse dar un mes de prazo aos socios que non estaban ao corrente do abono anual; o cal ademais pasaba a ser de 6.000 pesetas. Outra decisión tomada nesa reunión foi a suspensión da exposición local que se viña habendo todos os anos durante as Festas do Monte, «por falta de colaboración». Finalmente, e con motivo do 35º aniversario da Sociedade Filatélica Guardesa, a directiva acordou nomear socios de honra aos seguintes fundadores vivos: Ángel Luís Troncoso, Anastasio Manuel Fuentes, Gustavo Pou Díaz, Antonio Rodrigo Pantaleón Saúl, Juan Álvarez Sobrino, José Pequeño Alonso, Camilo Rodríguez Sánchez e Guillermo Seoane Seoane.[40]

Tres meses despois, o 15 de xaneiro de 2000, celebrouse a Asemblea Xeral Ordinaria na que se acordou nomear como socios de honra os fundadores propostos pola directiva, quedando pois exentos de pagar a cuota. Informouse ademais que a Sociedade tiña neses momentos un saldo negativo de 241.000 pesetas, invertido todo el en selos, o cal fora adiantado polo Presidente Juan Álvarez Sobrino, como tantas e tantas veces. No apartado de rogos e preguntas, o secretario José Ángel Gándara Rodríguez propuxo de cara ao ano 2002 facer algunha exposición rexional co patrocinio da Federación, quedando pendente de estudio a devandita proposta. Pola súa parte o socio Antón Ferreira propuxo facer un boletín informativo da propia Sociedade cunha periodicidade de 3 meses, unha proposta que foi aprobada polos presentes, quedando o propio Antón Ferreira encargado da súa organización.[41]

Así foi como en xuño de 2000 saía á rúa o primeiro número de Exfimiño (Boletín Informativo da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa), cuxa finalidade quedaba ben clara no editorial da primeira páxina redactado polo coordinador Antón Ferreira Lorenzo:

Na última Asemblea da SFNG, os asistentes á mes acordaron, por unanimidade, a publicación dun Boletín Informativo que, por unha banda, servise de lazo de unión entre os filatelistas locais e a asociación da que forman parte, e por outra que fose o órgano oficial a través do cal facer chegar ós asociados os acordos e decisións que xorden nas Asembleas e reunións da X unta Directiva, ó mesmo tempo que debe servir de vehículo para divulgar peticións, intercambios, actividades e calquera suxerencia que veña dos membros da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa.[42]

            Pensada para ser unha publicación trimestral, publicáronse finalmente tres números ao ano durante os primeiros once anos, isto é, de 2000 a 2010 (coa única excepción de 2007 con dous números). E dende 2011 converteuse xa nunha publicación anual. Polo seu carácter de transmisor de información e vínculo de unión, o boletín Exfimiño supuxo un grande paso para a Sociedade Filatélica, sentando as bases do imparable crecemento institucional protagonizado dende entón. Un crecemento ao que contribuíu obviamente o enorme prestixio e palmarés que foron adquirindo as coleccións dos membros da Sociedade; e por suposto o nivel das exposicións organizadas. Todo iso divulgado polo propio Boletín da Sociedade, o cal, dende setembro de 2003, se podía ler tamén en Internet, concretamente na dirección: www.galicia-suroeste,com/exfimiño.[43]

Primeiro número do boletín Exfimiño do ano 2000.

Un ano máis tarde, o 17 de febreiro de 2001, tivo lugar a Asemblea Xeral da Sociedade, onde se informou que as contas botaban xa un saldo favorable. Con todo a directiva propuxo subir a cota de adulto a 1.000 pesetas (6,01 euros), o cal foi aprobado. Decidiuse tamén o envío por correo a todos os socios do boletín da Sociedade. Finalmente, no apartado de rogos e preguntas, tanto o secretario José Ángel Gándara como o tesoureiro Rafael Alonso, propuxeron conceder a Medalla de Ouro da Sociedade ao presidente Juan Álvarez Sobrino, «polo seu labor nesta Sociedade ao longo dos seus 36 anos de vida, sempre formando parte da Xunta Directiva dende a súa fundación ata o día de hoxe». A proposta foi aprobada por unanimidade, quedando pendente da súa definitiva ratificación nunha Asemblea Xeral Extraordinaria.[44]

Continuara...


[36] Exfimiño, nº 14, maio-agosto 2004, p. 2.
[37] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 34; e Exfimiño, nº 14, maio-agosto 2004, p. 2.
[38] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 32-33.
[39] Exfimiño, nº 14, maio-agosto 2004, p. 2.
[40] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 34-35.
[41] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 36-38; e Exfimiño, nº 1, xuño 2000, pp. 2-3.
[42] Exfimiño, nº 1, xuño 2000, p. 1.
[43] Exfimiño, nº 27, setembro 2003, p. 8.
[44] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 39-40; e Exfimiño, nº 4, marzo 2001, pp. 2-3. No seguinte boletín, Exfimiño, nº 5, xuño 2001, pp. 2-4, o propio Juan Álvarez Sobrino explicaba os comezos e a evolución da súa afección filatélica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario