viernes, 5 de diciembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( VIII )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

III.2. O imparable despegue da institución (2005-2010)

En xuño de 2005 celebrouse en Alicante a 43º exposición filatélica nacional, Exfilna 2005, na cal o secretario José Ángel Gándara Rodríguez obtivo esta vez a Medalla de Ouro pola súa colección: «Colón, rumbo ás Indias».[57] Con esta definitiva lombeirada a nivel nacional, a colección de Gándara convertíase no buque insignia da Sociedade Filatélica, ademais dun referente para as demais socios e filatélicos.

Pero en ese ano 2005 a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa vaise embarcar nun novo e ambicioso proxecto de traballo de oito anos de duración (2005-2012): a conmemoración de centenario da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla que tería lugar en 2012. Non en van a Sociedade fora fundada en 1964 como Sección Filatélica de Pro-Monte, polo que se sentía herdeira súa. Entre os actos do pre-centenario estarían varias exposicións filatélicas dedicadas aos fundadores da Sociedade Pro-Monte, coa presentación das súas biografías no acto inaugural, así como un mataselos especial dedicado a cada un deles. A comisión organizadora destes actos, formada por trece persoas, estaría presidida polo secretario da Sociedade José Ángel Gándara Rodríguez, como comisario xeral.[58]

O primeiro dos actos de homenaxe foi a 22ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2005, celebrado no Centro Cultural da Guarda do 25 de setembro ao 1 de outubro de 2005, e dedicada a Manuel Lomba Peña, o fundador e primeiro presidente da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla.[59]

Sobre con mataselos dedicado a Manuel Lomba Peña en 2005. 


Non todo eran, sen embargo, boas noticias. De feito fracasou, por falta de financiamento, o segundo dos actos previstos para o ano 2006, consistente na exposición Exfigalicia a celebrar no mes de outubro. O que si se levou a cabo foi un segundo curso de filatelia temática no que participaron cinco coleccionistas, tal e como se informou na Asemblea Xeral Ordinaria do 2 de abril de 2006.[60]

Pero o máis importante dese ano 2006 foi a constatación do relevo xeracional na Sociedade con zume novo, pois se incorporaran novos afeccionados que, baixo a dirección dos veteranos, estaban a crear importantes coleccións temáticas capaces de competir en concursos nacionais e internacionais. Proba diso son os magníficos resultados obtidos na exposición Exgaportem 2006 celebrada en setembro e outubro dese ano en Marinha Grande (Portugal). Recibiron medalla de bronce as coleccións de Almudena Taboada Lago e Cristina Domínguez Rotea; medalla de bronce prateado as coleccións de Jorge Martínez Baz e Miguel Martínez Pérez; e finalmente a medalla de Vermeil para a colección máis veterana de Luciano Lomba Vicente. Aínda que o éxito principal o obtivo unha vez máis o secretario da Sociedade José Ángel Gándara, pois a súa famosa colección: «Colón, rumbo ás Indias» foi recoñecida pola Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI) como a mellor colección do ano 2006. Non en van Gándara levaba xa vinte anos dedicados a unha colección con once premios ás súas costas.[61] Ao ano seguinte, en xullo de 2007, Gándara participou tamén na IIIª Exposición Filatélica binacional México-España, celebrada en Jalisco (México), conseguindo unha nova medalla de ouro. Este novo triunfo convertía á súa colección na máis laureada da Guarda na súa historia, e unha das de maior prestixio e recoñecemento de España.[62]

Noticia na prensa alusiva aos éxitos da colección «Colón, rumbo ás Indias» José Ángel Gándara Rodríguez acadados en 2006. (La Voz de Galicia, 23 de xaneiro de 2007)


Así foi como na Asemblea Xeral Ordinaria do 25 de marzo de 2007, o vicepresidente Luciano Lomba propuxo que se concedese a insignia de ouro da Sociedade ao secretario José Ángel Gándara, pola labor realizada ao longo destes anos, en particular representando á Sociedade. Na devandita asemblea quedou tamén de manifesto o saneamento económico da Sociedade tralas medidas adoptadas nos anos previos. De feito rematouse o ano cun saldo favorable de 2.614,54 euros. Informouse tamén que se realizara o terceiro curso de filatelia temática e que se seguiu publicando o boletín Exfimiño. Finalmente procedeuse á elección de novo presidente para o período 2007-2010, sendo reelixido por unanimidade Juan Álvarez Sobrino.[63] Unha semana despois, o 2 de abril de 2007, celebrouse unha reunión no local social co único obxecto de constituír a nova directiva do cuatrienio 2007-2010, quedando a seguinte:

Presidente:                             Juan Álvarez Sobrino
Vicepresidente:                       Luciano Lomba Vicente
Secretario:                              José Ángel Gándara Rodríguez
Vicesecretario:                       Jorge Martínez Baz
Administrador:                       Rafael Alonso Gómez
Viceadministradora:               Marta Verde Rodríguez
Vogais:                                   Antón Ferreira Lorenzo
                                               Ignacio Rodríguez Álvarez
Cristina Domínguez Rotea
                                               Ramón González González
                                               Almudena Taboada Lago[64]

Xa no verán, concretamente o 31 de agosto de 2007, celebrouse unha Asemblea Xeneral Extraordinaria na que se propuxo a concesión da insignia de ouro da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa ao secretario José Ángel Gándara Rodríguez, a cal foi aprobada por maioría. Nese acto o vicepresidente Luciano Lomba Vicente realizou os presentes unha breve mención dos logros filatélicos do homenaxeado ao longo destes anos, defendendo e levando o nome da Sociedade e da Guarda por múltiples lugares. Rematado o acto, o presidente Juan Álvarez Sobrino expuxo a necesidade de condecorar tamén a persoas ou entidades privadas que, aínda que non eran membros da Sociedade, viñan colaborando con ela.[65]

Continuara...


[57] Exfimiño, nº 17, maio-agosto 2005, pp. 4-5. Neste boletín infórmase tamén da emisión dun selo conmemorativo na República Dominicana con motivo da irmandade desta cidade coa vila da Guarda.
[58] Exfimiño, nº 16, xaneiro-abril 2005, pp. 1 e 4-6.
[59] Exfimiño, nº 18, setembro-decembro 2005, pp. 1-8 e 11; e Exfimiño, nº 19, xaneiro-abril 2006, p. 8.
[60] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 54-55.
[61] Exfimiño, nº 20, maio-agosto 2006, p. 1; Exfimiño, nº 21, outubro-decembro 2006, pp. 1-3; Exfimiño, nº 22, xaneiro-abril 2007, pp. 1-7; e Exfimiño, nº 26, setembro-decembro 2008, p. 7.
[62] Exfimiño, nº 23, maio-agosto 2007, p. 2.
[63] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 56-57.
[64] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 58; e Exfimiño, nº 23, maio-agosto 2007, p. 8.
[65] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 59.

No hay comentarios:

Publicar un comentario