lunes, 1 de diciembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( IV )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

II.1. O Grupo Filatélico despois de Pro-Monte (1981-1996)

            Trala desaparición legal da Sociedade Pro-Monte acaecida en 1979, a súa antiga Sección Filatélica, isto é, o Grupo Filatélico e Numismático Guardés, seguiu xa o seu voo en solitario. Así foi como o 8 de marzo de 1981 se celebrou no local social unha Asemblea Xeral, a segunda dende a súa fundación en 1964, coa asistencia de 30 socios. Nela, e a proposta do presidente, o socio Alcides Alonso Sobrino foi nomeado Socio Protector. Tamén se aprobaron as contas e, sobre todo, elixiuse unha nova directiva para esta nova andaina:

Presidente:                             Francisco Sobrino Rodríguez
Vicepresidente:                       Alfonso Martínez Peniza
Secretario:                              Juan Álvarez Sobrino
Vicesecretario:                       Francisco Sánchez Sánchez
Tesoureiro:                             Ramón Fernández Cadilla
Vogal de cambios:                  Rogelio Vicente Moreno
Vogal bibliotecario:                Manuel J. Fernández Gómez
Vogal de exposicións:             Francisco F. Sobrino González
Vogal socios infantís:             Anastasio Manuel Fuentes Gómez
Vogal:                                     Enrique Vicente Melón[16]

Tres meses despois, na reunión da directiva do 27 de xullo de 1981, acordouse facer unha exposición xuvenil con carácter local, solicitando un mataselos especial alusivo á homenaxe que se lle ía dedicar, a título póstumo, á profesora guardesa Aurora González Neira. Así foi como do 19 ao 25 de setembro dese ano 1981 se celebrou na casa da Cultura a 6ª exposición da asociación co nome de Exfimiño'81. Nela foi usado un mataselos especial concedido pola Dirección Xeral de Correos, deseñado polo secretario Juan Álvarez Sobrino.[17]

Ao ano seguinte, concretamente o 17 de xaneiro de 1982, celebrouse a terceira Asemblea Xeral da Sociedade na que se tomaron varias decisións. En primeiro lugar a suba da cuota: de 120 a 250 pesetas os adultos e de 60 a 100 pesetas os socios xuvenís. Tamén se acordou un prazo de seis meses para retirar os selos de abono a partir da saída da serie, pasado o cal se cargaría un 10 % de sobreprezo. Por último decidiuse por unanimidade a entrada na directiva, como vogais, dos socios Alfonso Dorado Senra e Bienvenido Chaver González, en substitución de Manuel J. Fernández Gómez e Marcelino Portela Lorenzo.[18]

            Nese verán de 1982, concretamente do 7 ao 14 de agosto, tivo lugar, no local social da Casa da Cultura, a 7ª exposición do Grupo Filatélico Guardés na que o secretario Juan Álvarez Sobrino expuxo a súa colección particular titulada: «Vida, paixón, morte e resurrección de Cristo», consistente en 120 follas montadas en 20 cadros. Pola súa parte o presidente Francisco Sobrino expuxo a súa colección de fósiles. Aínda que a exposición foi moi visitada, o secretario fixo constar en acta «que os socios do Grupo Guardés foron os que non cumpriron, como era de esperar (con excepcións)».[19] Esta mala situación interna foi sen dúbida a causa de que non volvese haber reunións da directiva nos seguintes tres anos. E habería que esperar nada menos que dez anos para que se celebrase unha nova Asemblea Xeral. Estamos pois ante a segunda crise da Sociedade (1982).

Agora ben, ao igual que sucedese na primeira, a ausencia de actas non significa ausencia de actividade, como demostran varias exposicións celebradas neses anos. Así, do 23 de decembro de 1983 ao 6 de xaneiro de 1984 celebrouse a 8ª exposición da asociación na Casa da Cultura, que consistiu nunha mostra de tema ecolóxico organizada pola Agrupación Cultural Guardesa en colaboración co Grupo Filatélico Guardés. Expuxéronse fotografías, artigos de prensa e filatelia, exhibindo os socios do Grupo Filatélico nos seus selos os seguintes temas: aves, flores, animais e mariscos. Desta exposición decatouse un ano despois no libro de actas, concretamente na reunión da directiva do 6 de xaneiro de 1985; unha reunión na cal se acordou tamén subir a cota anual a 300 pesetas.[20]

Grazas á testemuña do propio Juan Álvarez Sobrino sabemos da celebración de dúas exposicións máis: a 9ª exposición da asociación, do 12 ao 16 de xuño de 1985 no Instituto da Sangriña; e a 10ª exposición, do 3 ao 8 de agosto de 1986 na Casa da Cultura. E ambas as dúas, ao igual que as dúas anteriores de 1982 e 1983, «non se viron enriquecidas cun mataselos especial que as historiase», tal e como sinalaba Juan Álvarez Sobrino.[21]

Dous anos despois, concretamente o 16 de abril de 1988, reuníronse os directivos do Grupo Filatélico Guardés e acordaron celebrar unha exposición filatélica con motivo do 75º aniversario da Sociedade Pro-Monte e da Festa do Monte, instituída en 1913 pola devandita Sociedade, así como «solicitar da Sociedade Pro-Monte o local de exposicións». Nesta reunión nomeáronse dous novos vogais de directiva, Ángel Troncoso Alonso e Florindo Álvarez Martínez, para cubrir as vacantes de Rogelio Vicente Moreno e Bienvenido Chaver González.[22] Como se pode comprobar, a resultas do que aparece nesta acta, a Sociedade Pro-Monte non desaparecera de todo en 1979, senón que aínda permanecía latente como institución. A razón de «resucitala» nestes momentos era, en boa lóxica, pola confusión que existía en relación coa Casa da Cultura, ao carecer dun dono claro. Para o Grupo Filatélico era propiedade da Pro-Monte, e por iso acudiran ao seu presidente en funcións, Antonio Martínez Vicente, como tal depositario do legado material da Pro-Monte, solicitando permiso para usar as devanditas instalacións. Non obstante, aos poucos días, na súa reunión do 24 de abril de 1988, o Grupo Filatélico decidiu celebrar a exposición no Colexio PP. Somascos dada a imposibilidade de facelo no seu local social. Todo apunta a que a causa desta decisión foi a grande cantidade de chaves da Casa da Cultura que dispoñían varios grupos e asociacións da localidade. Por iso nesa mesma reunión decidiuse cambiar o fecho, obviamente co permiso do presidente de Pro-Monte quen afirmaba que «esa parte do baixo sempre pertenceu ao Grupo Filatélico». Finalmente, do 2 ao 8 de agosto dese ano 1988 celebrouse nos Somascos a 11ª exposición da asociación, Exfimiño'88, coa participación de coleccionistas da provincia, e un mataselos especial do 75º aniversario das Festas do Monte co Facho do Monte Santa Trega.[23]

Un ano despois a decisión de cambiar o fecho aínda non se fixera efectiva. Por iso, na reunión do 23 de abril de 1989 os directivos asistentes acordaron –por segunda vez– cambialo ao observar que no seu local da rúa Ramón Sobrino «se veñen celebrando reunións por varios grupos da localidade sen o noso permiso». E acordouse mandar unha carta a cada un dos que «creemos» teñen chave.[24]

Grazas de novo á testemuña de Juan Álvarez Sobrino sabemos que do 8 ao 12 de agosto de 1990 se celebrou na Casa da Cultura a 12ª exposición da asociación. «Tampouco esta contou cun mataselos especial que a fixese figurar na historia filatélica», dicía.[25]

            O 9 de febreiro de 1992 celebrouse no local social a cuarta Asemblea Xeral da Sociedade dende a súa fundación, isto é, dez anos despois da terceira. En primeiro lugar foron aprobadas as contas, as cales botaban un saldo favorable de 130.000 pesetas, «saldo que está invertido en selos». En segundo lugar recordouse aos socios o acordo tomado o 17 de xaneiro de 1982, onde se dicía que a aqueles que non retirasen os selos antes de 6 meses se lles pasaría unha recarga do 10 % do seu valor. E agora acordábase ademais que se o seu atraso chegaba a un ano serían dados de baixa. Por último a directiva vixente foi reelixida por unanimidade.[26]

Folleto da exposición Exfimiño’81. (Documento de Marta Verde Rodríguez)


            Ao ano seguinte, o 17 de xaneiro de 1993, volveuse celebrar unha Asemblea Xeral á que asistiron un total de 18 socios. Parecía pois que a Sociedade adquiría certa normalidade institucional. O obxectivo principal era informar os socios que a directiva acordara un anticipo de 2.000 pesetas por socio para así poder dispoñer dun fondo co que cubrir os gastos dos selos a retirar na tabacaleira. Decidiuse tamén falar co presidente das Festas do Monte para poñerse de acordo co fin de pintar as portas e ventás do local social, así como o arranxo da porta dos servizos. Finalmente acordouse solicitar á Dirección Xeral de Correos un mataselos especial con motivo da Festa da Lagosta dese verán.[27] Así foi como o 26 de xuño ao 4 de xullo dese ano 1993 se celebrou nos salóns de Érguete Baixo Miño a 13ª exposición filatélica, Exfimiño'93, dedicada a IIIª Festa da Lagosta da localidade, empregándose un mataselos especial concedido para a ocasión.[28]

Sen embargo non se volveron celebrar máis Asembleas Xerais nos anos seguintes; aínda que si dúas mostras máis. Grazas unha vez máis ao testemuño de Juan Álvarez Sobrino sabemos que a 14ª exposición do Grupo Filatélico Guardés tivo lugar nos salóns do Colexio PP. Somascos entre o 12 e o 30 de xuño de 1994, con motivo da homenaxe ao ex director do colexio P. Orestes Caimotto.[29] A 15ª exposición tivo lugar un ano despois, do 12 ao 14 de outubro de 1995, e foi organizada por Anabam coa colaboración do Grupo Filatélico. Celebrouse no Centro Cultural da Guarda e consistiu nunha exposición filatélica local denominada Exfimiño'95, con mataselos especial dedicado ao 10º aniversario de ANABAM, que reproducía o emblema desta asociación ecoloxista: unha garza sobre unha folla de ameneiro.[30]

Continuara...


[16] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 13; e Exfimiño, nº 10, xaneiro 2003, p. 3.
[17] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 15; e Exfimiño, nº 12, setembro 2003, p. 2.
[18] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 16; e Exfimiño, nº 12, setembro 2003, p. 6.
[19] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 17; e Exfimiño, nº 13, xaneiro-abril 2004, p. 6.
[20] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 18; Exfimiño, nº 12, setembro 2003, p. 2; e Exfimiño, nº 14, maio-agosto 2004, p. 6.
[21] Exfimiño, nº 12, setembro 2003, p. 2.
[22] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 19; e Exfimiño, nº 15, setembro-decembro 2004, p. 6.
[23] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 20; Exfimiño, nº 12, setembro 2003, p. 2; e Exfimiño, nº 16, xaneiro-abril 2005, p. 7.
[24] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 21; e Exfimiño, nº 17, maio-agosto 2005, p. 4.
[25] Exfimiño, nº 12, setembro 2003, p. 2.
[26] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 22; Exfimiño, nº 18, setembro-decembro 2005, p. 10; e Exfimiño, nº 21, outubro-decembro 2006, p. 7.
[27] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 23; Exfimiño, nº 19, xaneiro-abril 2006, p. 6; e Exfimiño, nº 23, maio-agosto 2007, p. 3.
[28] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 24; Exfimiño, nº 13, xaneiro-abril 2004, p. 2; e Exfimiño, nº 20, maio-agosto 2006, p. 4.
[29] Exfimiño, nº 13, xaneiro-abril 2004, p. 2.
[30] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 24; Exfimiño, nº 13, xaneiro-abril 2004, p. 2; e Exfimiño, nº 20, maio-agosto 2006, p. 4.

No hay comentarios:

Publicar un comentario