por
Joaquín Miguel Villa Álvarez
(historiador)
para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014
Dito e feito, aos catro meses, concretamente o 19
de xuño de 2001, celebrouse no local social unha Asemblea Xeral Extraordinaria
na que se aprobou por unanimidade a concesión da insignia de ouro da Sociedade
Filatélica e Numismática Guardesa ao presidente Juan
Álvarez Sobrino. Previamente o secretario leu
os méritos que concorrían na súa persoa para ser acredor a tal distinción:
-
Socio
fundador
-
Vogal
da directiva dende a súa fundación ata o ano 1980; Secretario dende 1981 ata
1996; e Presidente dende 1996.
-
Ao
carecer de fondos a Sociedade, «el mesmo era quen adiantaba o diñeiro» para o
abono de ata 200 series. Un esforzo económico que fixo posible que a Sociedade
se mantivese viva durante tantos anos, e con tantos socios.
-
Creador
dos deseños da maioría dos mataselos especiais
utilizados na Guarda, ademais do anagrama da Sociedade.
-
Representou a vila da Guarda e á Sociedade en máis de cen exposicións por todo o
territorio peninsular.
A entrega desta insignia de ouro a Juan Álvarez
Sobrino tivo lugar o sábado 13 de outubro dese ano 2001 con motivo da clausura
da exposición filatélica Exgaportem celebrada na Guarda.[45]
Folleto da exposición Exgaportem 2001.
Efectivamente, do 6 ao 13 de outubro de 2001 tivo
lugar no Recreo Artístico Guardés a 20ª
exposición filatélica da asociación, Exgaportem 2001, sendo ademais a 1ª Exposición de
filatelia temática de Galicia e Norte de Portugal.
Con ela asistimos a un grande salto cara a diante pois se trataba da primeira
exposición internacional organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa
na súa historia; unha circunstancia que afianzou enormemente o seu prestixio
institucional, tanto interno como de cara ao exterior. E é que a devandita
mostra, que tiña carácter competitivo, reuniu ás mellores coleccións de Galicia e Portugal, nada menos que 44. Ao mesmo tempo
celebrouse un taller para mozos ao que acudiron alumnos de todos os centros de
ensino da localidade.[46]
Este grande éxito institucional puxo de manifesto
na Asemblea Xeral Ordinaria da Sociedade, celebrada o 20 de abril de 2002,
cando se anunciou que no pasado mes de marzo a Federación Galega de Sociedade
Filatélicas (FEGASOFI) concedera á Sociedade
Filatélica e Numismática Guardesa a Medalla de Ouro e Diploma ao mérito filatélico. A continuación, tras
expoñer o estado de contas, propúxose tamén o nomeamento do socio Ignacio
Rodríguez Álvarez como vogal de numismática. E
no apartado de rogos e preguntas a vogal Marta Verde formulou que cos selos
sobrantes dos abonos se preparasen sobres para que os socios puidesen conseguir
os mataselos de Galicia emitidos durante o ano, unha idea acollida con grande
satisfacción por parte dos asistentes. Finalmente gardouse un minuto de silencio
polo falecemento do socio fundador e Socio de Honra Antonio Rodrigo Pantaleón
Saúl.[47]
Do 16 ao 22 de
setembro de 2002 celebrouse no Colexio PP. Somascos Exfimiño 2002,
a 21ª exposición filatélica da Sociedade, dedicada á
xuventude, e patrocinada polo Concello da Guarda
e a Confeitaría Estévez. E é que a devandita
exposición, así como o mataselos especial, foi unha
homenaxe á Confeitaría Estévez con
motivo do seu centenario (1902-2002).[48]
Ao ano seguinte, na Asemblea Xeral Ordinaria
celebrada o 1 de febreiro de 2003, comunicouse aos socios, entre outras
cousas, a suba da cuota de abonamento ata os 70 euros debido a que, polo
incremento do prezo das novas series, ao finalizar o ano non había diñeiro
abondo. E elixiuse unha nova directiva para os próximos catro anos, producíndose
moi poucos cambios con relación á anterior:
Presidente: Juan
Álvarez Sobrino
Vicepresidente: Luciano
Lomba Vicente
Secretario: José
Ángel Gándara Rodríguez
Vicesecretario: Antón
Ferreira Lorenzo
Administrador: Rafael
Alonso Gómez
Viceadministrador: Ignacio
Rodríguez Álvarez
Vogais: Marta Verde Rodríguez
Alfonso Dorado Senra
Enrique
Castro Pereira
Manuel
Doiro Vargas[49]
Oito meses máis tarde, concretamente o 3 de
outubro de 2003, celebrouse unha Asemblea Xeral Extraordinaria co obxecto de
aprobar a modificación dos estatutos e cumprir así coa nova lexislación de
asociacións. Lidos polo secretario os artigos e capítulos modificados, foron
aprobados pola Xeral.[50]
Nese ano 2003 a Sociedade Filatélica e Numismática
Guardesa vai vivir a cara e a cruz do éxito
filatélico. Por un lado fracasou no seu intento de que a Comisión de
Programación de Emisións de Selos e demais Signos de Franqueo dedicase un
selo ao monte Santa Trega, quedando así tan
emblemática atalaia sen estar representada na filatelia española con selo
propio.[51]
Non obstante, na 2ª Exposición de filatelia temática de Galicia e Portugal, Exgaportem
2003, celebrada en setembro de 2003 en Caldas dá Rainha (Portugal),
o secretario da Sociedade José Ángel Gándara Rodríguez obtivo o Grande Premio
da exposición coa súa colección: «Colón, rumbo ás Indias», sendo o maior premio logrado ata entón por un membro
da Sociedade Filatélica Guardesa.[52]
Un éxito que se repetiría ao ano seguinte, esta vez na 42º exposición
filatélica nacional, Exfilna 2004,
celebrada en Valladolid en outubro de 2004, obtendo a
medalla de Vermeil Grande pola mesma
colección.[53] Ao seu regreso, e para
compartir a experiencia atesourada, o propio José Ángel Gándara impartiu durante varios domingos no local da
Sociedade un curso gratuíto de filatelia temática ao que asistiron diversos
socios interesados en organizar os seus selos. Unha labor pedagóxica que
mereceu a efusiva felicitación do presidente da Sociedade.[54]
Na Asemblea Xeral Ordinaria do 26 de marzo de 2004
tratouse de novo o difícil estado económico da Sociedade debido aos gastos ocasionados
polas cotas das federacións, o boletín, a correspondencia, catálogos, revistas,
etc. De feito rematara o ano cun ínfimo saldo de 195 euros. Por iso a directiva propoñía subir a cota anual de
6 a 10 euros, unha medida drástica –era case a
dobre– que foi aprobada por unanimidade. E acordouse tamén a domiciliación
bancaria das cuotas e abonos dos socios, para lograr así que todos estivesen ó
corrente nas súas obrigas, e que a Sociedade non tivese que volver cargar con
máis débedas.[55] Ao ano seguinte, na
Asemblea Xeral Ordinaria do 16 de marzo de 2005, a directiva informou dos bos
resultados desta medida pois a situación económica mellorara lixeiramente pechándose
o ano cun saldo favorable de 580 euros.[56]
As dificultades materiais da institución foran por fin canalizadas. Agora xa só
quedaba seguir crecendo.
Continuara...
[45] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 41-42; e Exfimiño, nº 7, xaneiro 2002, p. 6.
[46] Exfimiño, nº 5, xuño 2001, p. 7; Exfimiño,
nº 6, setembro 2001, pp. 1-2; e Exfimiño, nº 7, xaneiro 2002, pp. 2-3.
[47] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés
(1964-...), pp. 43-45. No mes de maio cambiouse o fecho da porta do local
social da rúa Ramón Sobrino nº 8, facéndose catro copias da chave.
[48] Exfimiño, nº 8, xuño 2002, p. 6; e
Exfimiño, nº 9, setembro 2002, pp. 4-5 e 7.
[49] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 46-47.
[50] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), p. 48.
[51] Exfimiño, nº 10, xaneiro 2003, p.
1; e Exfimiño, nº 13, xaneiro-abril 2004,
p. 1.
[52] Exfimiño, nº 12, setembro 2003,
pp. 1 e 7.
[53] Exfimiño, nº 15, setembro-decembro
2004, p. 4.
[54] Exfimiño, nº 15, setembro-decembro
2004, p. 1; e Exfimiño, nº 16, xaneiro-abril 2005, p. 3.
[55] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 49-51; e Exfimiño, nº 17, maio-agosto 2005,
p. 3.
[56] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 52-53.
No hay comentarios:
Publicar un comentario