por
Joaquín Miguel Villa Álvarez
(historiador)
para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014
Juan Álvarez
Sobrino, segundo presidente da Sociedade Filatélica
Durante os case 15 anos da presidencia de Juan
Álvarez Sobrino pódense distinguir dúas
etapas: os anos nos que a Sociedade Filatélica protagonizou o seu definitivo afianzamento
institucional (1996-2004), e os posteriores do despegue xa imparable da institución (2005-2010).
III.1. O
afianzamento institucional (1996-2004)
A verdadeira saída da crise na que estaba inmerso
o Grupo Filatélico Guardés, case dende a súa
fundación, se vai producir en 1996 con motivo dos grandes cambios
institucionais que se produciron a partir dese ano.
O primeiro grande cambio institucional deste novo
período foi a observancia das Asembleas Xerais Ordinarias, as cales
celebráronse xa regularmente (agás o ano 1999) nos primeiros meses do ano
(menos a de 1998 que foi en decembro). Así as cousas, o 14 de xaneiro de 1996
tivo lugar unha nova Asemblea Xeral na que o presidente Francisco Sobrino
Rodríguez pediu ser relevado do seu cargo dada
a súa avanzada idade, sendo designado para ocupar o seu cargo o ata agora
secretario Juan Álvarez Sobrino. A continuación Francisco Sobrino foi nomeado
Presidente de Honra, e Alfonso Martínez Peniza vicesecretario de Honor. Así
pois, a partir do mes de xaneiro de 1996, a nova directiva do Grupo Filatélico
Guardés foi a seguinte:
Presidente: Juan
Álvarez Sobrino
Vicepresidente: Anastasio
Manuel Fuentes Gómez
Secretario: José
Ángel Gándara Rodríguez
Vicesecretario: Francisco
José Pérez Sobrino
Tesoureiro: Ramón
Fernández Cadilla
Vogais: Alfonso
Dorado Senra
Florindo
Álvarez Martínez
Francisco
F. Sobrino González
Rogelio
Pacheco Lomba
Rafael
Alonso Gómez
Outro acordo tomado nesta Asemblea –curioso cando
menos– foi que a asociación pasaba a chamarse: Grupo Filatélico e
Numismático Guardés; un nome que como vimos se
utilizara polo menos dende 1972. Pero o máis importante, á parte do
cambio de presidente, foi que por vez primeira se puxeron de manifesto os
apuros económicos da Sociedade. E é que, como os selos eran cada vez máis
caros, a final de ano se acumulaba unha débeda considerable que a Sociedade non
podía soportar. Para solucionar este problema acordouse cobrar a principios de
ano un anticipo de 3.000 pesetas por serie aboada; e tamén subir a cota anual
ata as 500 pesetas os adultos, quedando en 100 os socios xuvenís.[31]
Ás poucas semanas, concretamente o 2 de febreiro
de 1996, a nova directiva tomou outro acordo destinado a afrontar a crise
económica da Sociedade, e ao mesmo tempo ofrecer maior comodidade aos
subscritores: abrir unha conta en Caixa Vigo, sucursal da Guarda, a nome
de FEGASOFI (Federación Galega de Sociedades Filatélicas),
sendo beneficiario o Grupo Filatélico e Numismático Guardés.[32]
A actividade máis importante dese ano foi a 16ª
exposición filatélica da asociación, Exfimiño'96, que se
celebrou no Colexio PP. Somascos do 4 ao 11 de agosto de 1996. E fíxose tamén un
mataselos especial do 83º aniversario das Festas do Monte Santa Trega que
representaba a unha parella de galegos bailando a muñeira. A devandita
exposición foi unha mostra monográfica do presidente Juan Álvarez Sobrino quen,
celebrando a súa centenaria exposición, deleitou aos visitantes coas súas
magníficas coleccións (Picasso, Durero, Rafael, Vida de Cristo, Museo do Prado,
etc.), destacando os álbums da súa nenez nos que o autor debuxaba en cada serie
un motivo alusivo a esta. Completaban a mostra os diplomas e trofeos conseguidos
por este coleccionista guardés. Durante os días que durou a exposición, o
propio Juan Álvarez distribuíu entre os nenos
4.500 selos en 300 sobres.[33]
Pero sen dúbida a decisión máis importante da nova
directiva foi poñer en marcha a reforma institucional que ía cristalizar ao ano
seguinte. Así, na Asemblea Xeneral do 12 de marzo de 1997 deuse a
coñecer aos socios un feito transcendental na historia desta asociación; e é
que tres semanas antes se producira unha auténtica REFUNDACIÓN da
Sociedade. En efecto, ante a necesidade de posuír unha identificación fiscal, e
como a Sociedade Pro-Monte –institución á que pertencían dende a súa fundación
en 1964– «non funciona dende hai varios anos», a directiva do Grupo Filatélico Guardés optou por reconstituírse baixo un novo nome: Sociedade
Filatélica e Numismática Guardesa (SFNG), por suposto continuadora
da anterior. Quedou rexistrada na Xunta de Galicia co nº 850, cun nº CIF
e un local propio: a Casa da Cultura da rúa Ramón Sobrino nº 8 da Guarda. Pódese considerar como data oficial desta
refundación da Sociedade o día en que foron aprobados os seus novos estatutos,
isto é, o 18 de febreiro de 1997. O máis curioso é que na mencionada Asemblea
Xeral se deixou rexistrada en acta a seguinte aclaración: «Non obstante,
seguimos ligados á Sociedade Pro-Monte Santa Tecla».
A razón de seguir insistindo na súa vinculación a unha Sociedade xa
desaparecida non é outra que o baleiro ou confusión legal do seu local social,
isto é, a Casa da Cultura da rúa Ramón Sobrino. A devandita casa foi construída en 1974 coa achega
económica da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla, as
Festas do Monte e o Grupo Filatélico Guardés,
un ano no que presidía todas estas agrupacións a mesma persoa: o finado
Francisco Sobrino Rodríguez.[34]
E para evitar equívocos, ese ano 1997 recolleuse en acta a distribución e
repartición do citado inmoble:
A Casa da Cultura
na actualidade
Planta Baixa:
-
Grupo
Filatélico Guardés: a esquina do edificio con 30
metros cadrados.
-
Comisión Festas do Monte Santa Tecla: Resto do baixo.
Planta Alta:
-
Sociedade
Pro-Monte Santa Tecla.
Actualmente gozaban desta dependencia as seguintes agrupacións:
-
Agrupación
Cultural Guardesa
-
Agrupación
Coral Guardesa
-
Agrupación
Do Lusco e Fusco
-
Comisión
Festas do Monte Santa Tecla
-
Sociedade
Filatélica e Numismática Guardesa[35]
Continuara...
[31] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés
(1964-...), pp. 25-26.
[32] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), p. 27.
[33] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 27-28; e Exfimiño, nº 13, xaneiro-abril
2004, p. 2.
[34] Exfimiño, nº 11, maio 2003, p. 7.
[35] Libro de Actas do Grupo Filatélico
Guardés (1964-...), pp. 29-30.
No hay comentarios:
Publicar un comentario