O vindeiro mércores día 10 de outubro ás 20:00h a Casa dos Alonsos acolle a presentación do libro «Colón rumbo a las Yndias» da autoría de José Ángel Gándara.
No acto de presentación deste libro, que estará presentado polo historiador local J. Miguel Villa, contarase coas intervencións do autor, José Ángel Gándara; do coordinador do libro, Celso Fariñas; do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e do tudense experto no Colón Galego, Antonio Cid Vázquez.
Este libro trata sobre a colección filatélica «Colón rumbo a las Yndias» do guardés José Ángel Gándara, tal e como se amosa nas diferentes exposicións nas que ten participado a nivel nacional e internacional, acadando importantes éxitos que se recollen no seu amplo palmarés, destacando coma Mellor colección filatélica de España no ano 1997, Medalla de ouro na Exposición Mundial de Brasil no ano 2017 ou a dobre Mellor colección temática en exposicións nacionais de «Exfolna».
Neste libro tamén se amosan fotografías de trofeos, medallas e diplomas acadados pola colección ao longo da súa historia, que comezou, segundo relata José Ángel Gándara, sobre os anos 1987, cando comezou a xuntar selos sobre a temática colombina, e oficialmente no ano 1994, cando iniciou a colección como tal.
O libro conta con numerosos artigos sobre filatelia xa publicados acerca do tema colombino e tamén sobre o Colón Gallego.
Coma curiosidades destaca que esta colección contén pezas únicas a nivel mundial, das cales so existen 3 o 4 en todo o mundo, máis de 80 pezas de gran rareza, material filatélico variado coma selos, errores de selos, probas de imprenta, debuxos orixinais, historia postal, enteros postais, airgraphs, mataselos, correo aéreo, correo zepelin, correo marítimo, probas fotográficas, entre outros.
En palabras de José Ángel Gándara, o libro ten o obxectivo de dar a coñecer ao público o que é realmente unha colección filatélica e, neste caso, unha colección filatélica temática, que non só se trata de xuntar selos, senón que leva consigo unha parte de documentación que conta a historia ilustrada con diverso material filatélico.
Dende a Concellería de Cultura convídase a toda a cidadanía guardesa a coñecer o libro deste coleccionista filatélico guardés, financiado polo Concello da Guarda, e a asistir ao acto de presentación do mesmo, enmarcado na XXXVI exposición filatélica e a XXII EXFIMIÑO, que se celebra do 11 ao 17 de outubro na Casa dos Alonsos.
www.aguarda.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario