Vicente de Vicente Vicente, Óleo
cedidido por Carmiña Vicente.
D.Vicente de Vicente Vicente
(1864-1917) foi un dos fundadores da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla e o
seu primeiro vicepresidente, responsabilidade que exerceu entre 1913 e 1916,
despois de ser vocal no primeiro ano. Dende ese posto actuou moitas veces como
presidente en funcións dada as prolongadas ausencias de titular, Manuel Lomba
Peña. De feito moitas reunións da xunta directiva celebráronse no seu propio
domicilio. Non faltou a unha soa desas reunións e unicamente a enfermidade que
padecía logrou apartalo, no verán de 1916, do exercicio do seu cargo. Faleceu
medio ano máis tarde, o sábado 3 de febreiro de 1917, e no informe anual dese
ano os seus compañeiros dicían del que, a pesar do seu delicado estado de
saúde, foi sempre un entusiasta propagandista de Pro-Monte traballando canto
podía, e con decidido interese, pola Sociedade. «A súa memoria seranos sempre
grata, e digna de imitar a súa conduta». O seu posto de vicepresidente pasou
entón a ser ocupado por Constante Candeira
González.
No ano 1913 realizou á Sociedad
Pro-Monte unha doazón de verdadeira importancia, 500 pesetas, cantidade que
supoñía o 38 por 100 do recadado en todo o municipio da Guarda. Por este xesto
foi proclamado socio predilecto, en unión de Juan A. Vila e José Manuel
Andreini Verde. Os seus nomes e doazóns pasaron a figurar no cadro de honra da
Sociedade, e realizóuselle un retrato a tamaño natural. Eses cadros foron
colocados en 1915 no comedor da «casa dos cregos», rehabilitado ese mesmo ano.
A historia persoal de Vicente de Vicente está intimamente ligada a Puerto Rico,
a onde emigrou moi novo para dedicarse ao comercio. Grande parte da súa actividade
mercantil desempeñouna na casa de comercio Vicente y Co. (1885-1896) que o seu
irmán Severo Vicente Vicente –un brillante home de negocios– tiña naquela
Antilla. En 1889 retírase Severo entrando Vicente como socio xestor. Así estivo
ata o ano 1896 en que el tamén deixa o negocio en activo converténdose en socio
capitalista. A razón social pasou entón a denominarse Sucesores de Vicente y
Co. (1896-1900), momento no que con toda probabilidade se retirou a España.
Tras o seu regreso entrou a formar parte da sociedade que o seu irmán Severo
fundara en Vigo tras retirarse, co mesmo nome de Vicente y Co. e os mesmos
negocios. Pero a diferencia de Severo, que residía en Vigo, Vicente de Vicente
retirouse a vivir á vila da Guarda, levantando na rúa Ezequiel Ordóñez –actual
Rúa Galicia– unha magnífica casa indiana cunha galería lateral que facía
esquina. Vicente de Vicente tamén participou no asociacionismo de Puerto Rico
pois nos consta que na xunta directiva da Cámara Oficial de Comercio, Industria
e Navegación de San Juan do ano 1894 figuraba como vocal. Pero a súa gran
contribución realizaraa na Guarda, como un dos artífices da asociación
Pro-Monte Santa Tecla.
Sobre conmemorativo editado po la Sociedade Filatélica
e Numismática Guardesa onde se pode observar a vivienda da familia de Vicente.
Texto de Joaquín Miguel Villa
Álvarez
Boletín Informativo da Sociedade
Filatélica e Numismática Guardesa Número 29 septembro-decembro 2009.
No hay comentarios:
Publicar un comentario