martes, 17 de junio de 2014

(A GUARDA) A TROULADA NAS FESTAS D-O MONTE por Ignacio de Altamar, Libro Festas do Monte, 1951


            As Festas do Monte, aquil ano, contábame, retranqueiro o tío Chuco, apresentaban ser soadas en moito tempo; os nosos convidados eran todos xente moi comprida; e o xantar no Monte resultaba un verdadeiro banquete, animado pol-as tocatas d-as múxicas, o estrondo de foguetes e tracas, as piruetas d-os munifates, e o son d-as gaitas. Eu non sei quen estaría máis a reventar, se don José de ledicia e satisfaición, se ou co bandullo abondo cheo, e o cinto no último furo.

            A troulada estaba no mellor. Os gaiteiros, non podían xa coa alma; bombos e pandeiros poucos ficaban útiles; e mozos e vellos, suando como cabalos, estaban todos tan abafados pol-o calor, tan mouros e enfarruscados pol-o polvo, e tan escabelados, que daba medo de velos.

             A vista d-aquil espectáculo enxebre e único, un dos convidados, catedrático, asustado e suspenso un intre, sentecióu: “Ei eiqui a proba de qu-a Humanidade, sen as trabas qu-q sociedade impón, voltaría sempre ás costumes lonxanas, nos ritos primitivos, ás danzas arcaicas”.

            “Non, non, –repricou outro, arquólogo-, a civilización ten de camiñar sempre cara adiente. A Troulada é solo unha sinxela reminiscenza dos nosos antergos, os Celtas. Ao son da mesma gaita, niste mesmo lugar, así bailarían os nosos abós, nas noites de plenilunio”.

            O qu-ista sentiña está facendo, espeteilles xa canso de ouvir tanta parvada, nen é baile, nin rito, nen ten nada que ver cos celtas, e menos coa lúa chea. O que están facendo istes homiños e mulleres con tanto pulo, con tanto brinco, con tanta barrigada e rivirivuelta, é sitio na tripa para poder meter un bisteciño máis, porque días d-istes hailles poucos.

            O Padre Pascoal, que tamen nos honraba aquil día, botando unha risiña de coello, declaróu entre dentes: “As senhoras, bene manducando; os caballeiros, bene bibendo; os mininos utrunque faciendo. Oh meus caros amigos –ergueu a voz sorrindo baixo o bigode-. Este homen falou como un libro aberto, pois segundo diz o filósofo, sabe máis o diabo por ser velho que por ser diabo. A Troulada, de facto, é só uma brincadeira; a cabeça un bocadito quente nâo deija enfriar a os pes”.

            Eu, que na gramática parda enxergo un pouco moito, pero que de latins non pesco ren, boteille unha ollada de esguello, encostei ben o traseiro a un pino, e pol-o que poidera tronar berrei: PASO, PASO.


                                                                                              Ignacio de Altamar.

Publicado no libro das Festas do Monte de 1951

No hay comentarios:

Publicar un comentario