Pacífico Rodríguez Rodríguez (1853-1934) foi un dos fundadores e primeiro
secretario da Sociedad Pro-Monte Santa
Tecla, cargo que ocupou ininterrompidamente desde 1912 ata 1933. Durante
todos eses anos non faltou a unha soa das reunións da Xunta Directiva, salvando
todas as crises internas da asociación. Esa circunstancia, unida ao seu papel
esencial na administración da asociación, a formación do museo arqueolóxico e a
repoboación do monte, converten a Pacífico Rodríguez na espiña dorsal da
Sociedad Pro-Monte nos seus primeiros vinte anos de existencia. Aínda cando non
existe moita información sobre a súa vida, sabemos que de novo entrou no
seminario de onde saíu para estudiar a carreira de medicina que lle sufragou
dende Cuba o seu irmán maior Laureano. Segundo as testemuñas da época, exerceu
a súa profesión coma un sacerdocio, sen facer distinción entre clases sociais,
o que lle valeu o popular apelativo de «médico dos pobres». Por outro lado estivo
sempre moi activo na vida social e cultural da Guarda. Así, por exemplo,
participou no nacente asociacionismo guardés cando en 1893 foi presidente do Recreo Artístico Guardés. Pero o seu gran
aporte á vida pública guardesa realizarao, como diciamos ao principio, a través
da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla.
Durante os anos que exerceu como secretario de Pro-Monte, foi o responsable da
tramitación das subvenciones, xunto co presidente Manuel Lomba. Ambos, sen
dúbida, as dúas columnas nas que descansou a xestión desta benemérita Sociedade
na súa primeira época.
Pacífico Rodríguez xogou tamén un papel moi importante
na repoboación do monte Santa Trega, realizada entre 1912 e 1919. Así, foi o
principal impulsor das tres festas da árbore
que se celebraron nos anos 1915, 1916 e 1917 para involucrar aos nenos na
repoboación do monte, fomentando así unha futura conciencia cívica baseada no
amor e o respecto ás árbores. Nos escritos seus de aqueles anos dedicou longas palabras
a resaltar a necesidade de coidar a natureza, tan pouco valorada polas xentes do
país. Ademais, xunto co enxeñeiro Rafael Areses, elixiu moitas das especies arbóreas
plantadas naquel momento.
Finalmente destacaremos que Pacífico Rodríguez foi
o responsable da creación, no mes de xuño de 1917, do Museo de Pro-Monte, a onde foron a parar os achádegos arqueolóxicos
do Trega. E non só foi o seu creador senón que, nos anos seguintes, converteuse
na «vida e alma» do mesmo pois, con enorme paciencia, reconstruíu varias
ánforas e vasillas, e ordenou gran cantidade de pequenos obxectos, «cada un no seu
cartonciño».
Caricatura de D. Pacifico
Rodríguez
Publicado no boletín Exfimiño nº 25 de 2008 da Sociedade Filatélica e N. Guardesa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario