Ata a aparición desta poesía completa, Valentín Paz-Andrade, autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas de
2012, só era coñecido, na súa faceta de poeta, por tres títulos: Pranto matricial (1955), Sementeira do vento (1968) e Cen chaves de sombra (1977). Daquela, a
idea que prevaleceu ata hoxe é que a escrita poética era para Paz-Andrade o
acto de evasión ou de divertimento dunha persoa laboriosa e inqueda máis
ocupada noutros labores ou vocacións fecundas, como a da avogacía e a dos
negocios.
Coa aparición desta edición da súa poesía
completa, que publica Xerais da man de Gregorio Ferreiro Fente, persoa moi vinculada á Guarda, dáse á luz unha
copiosísima e relevante obra poética inédita que redimensiona completamente a
súa figura literaria. Son distintos poemarios escritos entre 1937 (en plena
Guerra Civil, o que os reviste de especial interese para a literatura galega) e
1984: A serra. Cantos do desterro branco
(1937); Sangue na neve: Etopea da serra
(1937); Cantos da aguia e do lobo
(1937); Canto do pobo disperso
(1955); Canto reuncial de Galiza
(1980); Áurea ora de Galiza
(1984); Canto en catro ao conde de Andrade
(1985); Poemas soltos
(1937-1984); así como os textos fragmentarios Canto do liño e da la (1937-1939) e Os sete salmos da remigración (1955).
Estes libros, que agora se dan a coñecer no
volume Poesía
completa supoñen un labor poético
ininterrompido ao longo de corenta anos, escritos, en palabras de Gregorio Ferreiro Fente, «con empeño e inspiración».
Así pois, e tamén en palabras do responsable
desta edición «o lector desta Poesía completa, segundo
vaia pasando as súas páxinas, irá facendo o periplo que transcorre, dunhas
épocas a outras do século XX, sobre un mar de palabras no que se abriron paso e
naufragaron tendencias, actitudes e linguaxes poéticas moi diversas».
Este achado, que o profesor Gregorio Ferreiro Fente realizou durante o proceso de dixitalización dos fondos de
Paz-Andrade do Consello da Cultura Galega, ten unha importancia transcendental
non só para a valoración da obra literaria de Valentín Paz-Andrade senón tamén para o propio corpus, estudo e consideración
da literatura galega durante a guerra, o franquismo e a transición.
No hay comentarios:
Publicar un comentario