viernes, 28 de noviembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( II )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014


Primer logo da Sociedade.

Na reunión da directiva de Pro-Monte celebrada o 26 de xullo de 1964, así como na memoria anual publicada en agosto, dábase conta do nacemento desta nova Sección Filatélica, así como dos compoñentes da súa primeira directiva.[5] Pola súa banda, na primeira reunión da directiva do Grupo Filatélico Guardés, celebrada o 24 de agosto de 1964, decidíronse xa as liñas de actuación da nova asociación. Acordouse así a adquisición de libretas para fixar selos, a subscrición a varias revistas e a petición de ofertas gratuítas a varias casas nacionais. E estando nese momento emitíndose unha serie turística acordouse tamén solicitar da Comisión 4ª de Emisións «un selo que resalte a natural e edénica beleza do Baixo Miño, podendo figurar o Sta. Trega ou algo que faga referencia histórica, panorámica, etc.». Finalmente decidiuse a creación dun emblema distintivo para o Grupo Filatélico Guardés, encargándose gustoso de realizar o bosquexo o vogal Juan Álvarez Sobrino. O emblema de grupo sería o Monte Santa Trega coroado polo Facho.[6] Esta primeira reunión, ao igual que tódalas demais, se celebraron no Casino da Guarda, que era entón o local social da propia Sociedade Pro-Monte. Iniciábase así a longa presidencia de Francisco Sobrino Rodríguez que duraría máis de trinta anos, ata xaneiro de 1996.

II. A presidencia de Francisco Sobrino Rodríguez (1964-1996)

Durante os 32 anos da presidencia de Francisco Sobrino Rodríguez pódense distinguir dúas grandes etapas: os anos nos que o Grupo Filatélico era unha Sección da Sociedade Pro-Monte (1964-1981), e os anos posteriores á Pro-Monte (1981-1996).

II.1. O Grupo Filatélico como Sección de Pro-Monte (1964-1981)

Francisco Sobrino Rodríguez, primeiro presidente da Sociedade Filatélica


O Grupo Filatélico Guardés, nacido en 1964 como unha sección da Pro-Monte, e baixo a presidencia de Francisco Sobrino Rodríguez, amosou nos seus primeiros anos de vida un grande actividade. Así, na súa segunda reunión celebrada na secretaría do Casino o 4 de abril de 1965, ademais da integración na Federación Nacional Filatélica, decidiuse xa acometer un primeiro gran reto: organizar no verán a primeira exposición filatélica da asociación.[7] En maio formouse unha comisión organizadora, formada polos directivos Francisco Sobrino, Alfonso Martínez, Antonio Rodrigo Pantaleón e Ángel Luís Troncoso, a cal puxo mans á obra, contando coa axuda do Grupo Filatélico de Tui que cedeu os cadros para a mostra. Finalmente, do 1 ao 6 de agosto dese ano 1965 celebrouse nos salóns do Casino da Guarda a 1ª Exposición do Grupo Filatélico Guardés, que resultou todo un éxito. O acto inaugural tivo lugar o 1º de agosto, á unha de tarde, en presenza de autoridades locais e numeroso público. En primeiro lugar bendiciu a exposición o párroco Francisco Saa Aldir, e despois fixo uso da palabra o presidente do Grupo Filatélico Francisco Sobrino quen, tras resaltar a importancia do acto, deu por inaugurado o certame filatélico. Participaron un total de 40 expositores, entre eles os socios que o desexaron, tendo cada un un cadro á súa disposición, así como os filatélicos do Grupo Tudense. Premiouse a todos os expositores cun diploma, evitando así competencias.[8]
Medio ano despois, na reunión da directiva do 12 de febreiro de 1966, aceptouse o convite do Grupo Filatélico Tudense para participar na exposición que ía celebrar en honra a San Telmo, patrón daquela cidade, baixo o nome de Exfituy'66. Decidiuse tamén encadernar a revista El Eco Filatélico, para que estivese mellor presentada e fose máis manexable.[9]



[5] Actas Ordinarias da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla (1954-1964), f. 98; e Sociedade Pro-Monte Santa Tecla (1964), Memoria anual de la Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, Centro de Iniciativas y Turismo de La Guardia. Ejercicio 1963-1964, Vigo: Gráficas Numen, p. 10.
[6] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 4; Exfimiño, nº 3, decembro 2000, p. 4; e Exfimiño, nº 10, xaneiro 2010, p. 6.
[7] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 5; e Exfimiño, nº 4, marzo 2001, p. 5. Tamén se fixo constar en acta o sentimento do Grupo polo falecemento do presidente perpetuo da Sociedade Pro-Monte, Julián López Ríos, así como mostrar a súa condolencia pola desaparición de Agustín Pena Pacheco, o primeiro socio falecido do Grupo Filatélico.
[8] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 6-8; Exfimiño, nº 5, xuño 2001, p. 6; Exfimiño, nº 6, setembro 2001, p. 7; e Exfimiño, nº 7, xaneiro 2002, p. 7.
[9] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 9; e Exfimiño, nº 8, xuño 2002, p. 7.  Nesta reunión acordouse tamén que, en ausencia do tesoureiro, pasase a levar as contas o propio presidente. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario