sábado, 29 de noviembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( III )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

Primeira exposición filatélica guardesa de 1965. (Documento de Marta Verde Rodríguez)

Pero esta sería a última reunión reflectida no Libro de Actas pois non volveu redactarse ningunha máis ata o ano 1981 (salvo unha solitaria en 1973). Estamos pois ante a primeira crise da Sociedade (1966). Como consecuencia, o Grupo Filatélico Guardés estivo un total de 14 anos sen actas; aínda que non sen actividade, tal e como demostra a celebración de varias exposicións neses anos. Cando en 1981 se fai cargo da secretaría o socio fundador Juan Álvarez Sobrino, co fin de cubrir o baleiro de tantos anos sen crónicas, realizou esta breve recensión no libro de actas: «Celebráronse, organizadas polo Grupo Filatélico Guardés, as seguintes exposicións que non están reflectidas neste libro de actas (¿Desleixo do que lle correspondía facelo?): IIª.- Ano 1967: Exfimiño-67; IIIª.- Ano 1970: Exfimiño-70 (2ª rexional galega); IVª.- Ano 1972: Exfimiño-72; e imos ª. - Ano 1976: Exfimiño-76. Quedando as siglas Exfimiño como exclusivas do noso Grupo Filatélico».[10]

Segunda exposición filatélica guardesa de 1967. (Documento de Marta Verde Rodríguez)


A única información existente sobre estas exposicións, tamén moi escasa, aparece nas actas da propia Sociedade Pro-Monte Santa Tecla. Así, sabemos que na reunión da directiva de Pro-Monte do 10 de xuño de 1967, o directivo e tamén presidente da Sección Filatélica, Francisco Sobrino Rodríguez, pediu autorización para organizar a 2ª Exposición do Grupo Filatélico Guardés, que se chamaría Exfimiño'67, na que exporían coleccionistas de selos de toda Galicia. A directiva de Pro-Monte concedeu a súa autorización e ademais acordou doar un trofeo para a ocasión. Esta exposición celebrouse do 27 ao 30 de xullo no Centro Escolar Manuel Rodríguez Sinde, con mataselos especial concedido por Correos. Na reunión da directiva de Pro-Monte de 1º de agosto dese ano 1967, acordouse felicitar o presidente da Sección Filatélica «polo éxito sen precedentes alcanzado na exposición que organizou a Sección Filatélica nos locais do novo grupo escolar, onde se exhibiron grande cantidade de coleccións, e moitas de gran calidade». Pero sobre todo por conseguir da Dirección Xeral de Correos o mataselos especial para esta exposición. Ese mesmo ano, sinala Juan Álvarez Sobrino, solicitouse e conseguiuse o uso das siglas «Exfimiño», figurando dende entón nos mataselos do Grupo Filatélico Guardés.[11]

            Do 2 ao 5 de agosto de 1970 celebrouse a 3ª exposición filatélica da Sociedade, co nome Exfimiño'70, que era demais a 2ª exposición rexional galega, polo que tamén figura como Exfigalicia'70. Celebrouse no Colexio PP. Somascos da Guarda e constituíu un rotundo éxito tanto de visitantes coma de expositores. O premio principal desta exposición foi para Manuel C. González, de San Miguel de Tabagón, pola súa colección de Portugal. O mataselos desta exposición reproducía unha das vivendas castrexas reconstruídas no Trega.[12]

Dous anos despois, do 1 ao 4 de xullo de 1972 celebrouse con gran éxito a 4ª exposición filatélica, Exfimiño'72, á que concorreron numerosos expositores de Cataluña, Asturias e Galicia. A devandita exposición tivo lugar de novo no Colexio PP. Somascos e estivo dedicada á literatura, ao ser o ano de internacional do libro e a lectura. E como ese mesmo ano tamén se homenaxeaba na Guarda ao poeta local Feliciano Rolán, elixiuse como motivo do mataselos o debuxo do monumento ao poeta levantado nos xardíns próximos ao actual Centro de Saúde. Entregáronse aos expositores, ademais dun trofeo, un libro sobre este escritor guardés da autoría do pai somasco Orestes Caimotto.[13] O máis interesante da recensión desta exposición que aparece no libro de actas da Sociedade Pro-Monte é que nos informa do nome que, ao parecer, usaba xa a entidade en 1972: Grupo Filatélico e Numismático Guardés, descoñecéndose cando se produciu exactamente o cambio de nome; así como o grao de aceptación e utilización que tivo dende entón.

Como diciamos antes, entre 1966 e 1981 non se redactaron actas das reunións do Grupo Filatélico Guardés, con excepción da celebrada o 28 de agosto de 1973, na que se nomeaba socio protector a José Otero Álvarez, de San Juan de Tabagón. Na devandita reunión tamén se estudou o balbordo provocado por un artigo do Sr. Malvar, de Noia, publicado en El Eco Filatélico dese mes, acordándose que na próxima reunión da Federación Galega se procurase por tódolos medios que os interesados deixasen de lado calquera suspicacia, agravio ou malentendido; e en último caso apoiar ao primeiro presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas, Alfredo Navarro Payá, de Pontevedra, «habida conta de que a súa rectitude e cortesía, así como o sacrificio pola filatelia, fano acredor da plena confianza deste Grupo».[14]

Por último, sabemos que do 8 ao 11 de agosto de 1976, no edificio da Casa da Cultura, construído dous anos antes, o Grupo Filatélico e Numismático Guardés celebrou a súa 5ª exposición, Exfimiño'76, con grande concorrencia de expositores. O mataselos empregado reproducía a imaxe do torques de ouro do Museo do monte Santa Trega.[15]


Quinta exposición filatélica guardesa de 1976. (Documento de Marta Verde Rodríguez)




[10] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 10.
[11] Actas da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla (1964-1975), fs. 32-35; e Exfimiño, nº 11, maio 2003, p. 7.
[12] Actas da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla (1964-1975), fs. 69 e 71v.; Exfimiño, nº 1, xuño 2000, pp. 4-8; e Exfimiño, nº 11, maio 2003, p. 7.
[13] Actas da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla (1964-1975), fs. 79v e 84; Exfimiño, nº 11, maio 2003, p. 7; e Joaquín Miguel Villa Álvarez (2008), Colegio PP. Somascos de A Guarda (1957-2007). 50 años de presencia somasca en España, A Guarda: Colegio PP. Somascos, pp. 238-239.
[14] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 11; e Exfimiño, nº 9, setembro 2002, p. 6.
[15] Actas da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla (1976-1979), fs. 7 e 9 v; e Exfimiño, nº 12, setembro 2003, p. 2.

Continuara...

No hay comentarios:

Publicar un comentario