Constantino Candeira González (1851-1933), coñecido popularmente por
Constante Candeira,
foi vogal da Sociedade Pro-Monte entre 1912 e 1917, e vicepresidente dende 1917
ata 1925, tras o falecemento de Vicente de
Vicente. Era guardés de adopción pois nacera en Celeiros (Ponteareas). De novo trasladouse a estudar a Madrid, sendo en aqueles
anos cando participou moi activamente na política. Ao parecer chegou a
ser delegado da provincia de Pontevedra na Xunta Revolucionaria da Primeira República de
1873, sendo un dos primeiros en proclamala en Ponteareas. Licenciado en medicina, nunca chegou a exercer como
médico pois dende un primeiro momento se dedicou plenamente aos negocios
familiares da industria madeireira ata converterse no principal industrial da Guarda e un dos máis importantes de Galicia. No ano 1883,
xunto ao seu irmán Matías, fundou na Pasaxe, Camposancos, a primeira fábrica de serrar chamada Candeira Hermanos. A partir
de entón comeza a excepcional carreira empresarial de ambos os dous irmáns que
lles levará a crear novos negocios, ente eles Candeira y Estens (con fábricas en Vigo,
Ponteareas e Salvaterra), Candeira y
Co. e Rafael Candeira y Co.
(con fábricas en Ponteareas). Foi ademais armador de vapores e veleiros, dos que
construíu tres en Camposancos. Talvez o punto culminante de Constante Candeira como empresario
lle chega en 1927 cando, en unión doutros industriais, transforma o seu negocio
orixinal da Pasaxe nunha sociedade anónima chamada Serrerías del Miño, sendo
presidente do consello de administración. Así pois, estamos ante un home de
negocios excepcional que, como veremos, vai proxectar as súas inquietudes cara
ao seu pobo de acollida por medio dunha decisiva participación na Sociedade pro
Monte.
Efectivamente, na reunión
fundacional de Pro-Monte do 29 de setembro de 1912, Constante Candeira realizou dúas
propostas que foron aceptadas por unanimidade como obxectivos da sociedade: 1º)
Que a futura sociedade dedicase boa parte das súas enerxías aos estudios
arqueolóxicos pois no monte Santa Trega –dicía– «áchanse abundantes vestixios de dominación
romana en España». E 2º) Que se celebrase a inauguración desta asociación cunha
visita ao monte a cargo das familias dos socios, a cal se realizaría a un ano
vista, no día da festividade de Santa Trega ou un domingo inmediato. Nacía así un dos elementos
distintivos da Guarda: a súa Festa do Monte, a primeira das cales
íase celebrar o 24 de agosto de 1913.
Constantino Candeira González realizou
tamén unha importante achega ao urbanismo do monte Santa
Trega ao financiar tres obras no cumio:
1. - A Prazoleta da Sociedad Pro-Monte. Construíuse en 1918, ao lado
esquerdo da escalinata de acceso ao Púlpito, e foi proxectada e custeada por un
entusiasta socio de Pro-Monte que quixo permanecer no anonimato. Non obstante,
con motivo do seu falecemento no ano 1933, na memoria anual de Pro-Monte
desvelouse que a devandita prazoleta foi unha obra debida á xenerosidade de Constante Candeira.
2. - O Palco de música. Construíuno xa no ano 1932, na parte baixa
do Facho, xusto no
medio do arranque das dúas escaleiras deste pico.
3. - Os Miradoiros Candeira. Son dous, situados no termo medio do pico do Facho. O primeiro debeu fixoo
en 1918, cando acometeu a Prazoleta antes citada. Posteriormente, entre 1932 e 1933, reformouno
e mellorouno construíndo outro novo miradoiro por enriba ao que se accedía
dende o primeiro por outras escaleiras. En 1935 a directiva de Pro Monte
decidiu colocar á entrada o actual letreiro de mármore que di: «Miradoiros Candeira».
Outra actuación de relevo na Guarda do vicepresidente de Pro-Monte Constante Candeira produciuse no
ano 1921 cando propuxo unha colecta entre as familias podentes da
localidade ao obxecto de reunir a cantidade de 14.000 pesetas que custaban os
terreos onde se debía emprazar o Hospital-Casa-Asilo en proxecto. Aceptada a
proposta, formouse unha comisión recadadora formada por Constante Candeira, José Benito Sobrino e José María Lomba, os cales puxeron en marcha a colecta. E o primeiro
en apuntarse na lista foi o propio Candeira con 2.000 pesetas.
Por último, xa no ámbito persoal, mencionaremos
que Constantino Candeira González casou en 1889 coa
guardesa Consuelo Pérez López, coa que tivo oito fillos: Consuelo, Constantino,
Carmen, Candelaria, Celso, Celia, Concha e Carlos Candeira Pérez. A todos, como
vemos, lles puxo nomes que empezan pola letra «C». Para esta familia numerosa
construíu, como vivenda familiar, un magnífico palacete no centro da vila que
aínda hoxe se conserva en perfecto estado.
PÉS DE FOTO:
Foto 1:
Constantino Candeira González cara a 1925. (Fotografía cedida por Pilar
Candeira Fernández de Araoz)
Publicado por Joaquín Miguel Villa para o Boletín Exfimiño da Sociedade Filatélica e N. Guardesa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario